O BNG de Outeiro de Rei recrimina ao alcade por pagar polo servizo de recadación

TerraChaXa
Dado que a Deputación de Lugo aprobou no pasado mes de outubro que o servizo de recadación tivese un custe cero para os concellos, o BNG preguntou de forma directa ao alcalde no último pleno se ía deixar a empresa privada a que ten contratada para xestionar o servizo de recadación da contribución e volver ao servizo de recadación da Deputación, que nunca se debera deixar.
4 Dec 2018

Dado que a Deputación de Lugo aprobou no pasado mes de outubro que o servizo de recadación tivese un custe cero para os concellos, o BNG preguntou de forma directa ao alcalde no último pleno se ía deixar a empresa privada a que ten contratada para xestionar o servizo de recadación da contribución e volver ao servizo de recadación da Deputación, que nunca se debera deixar. A resposta do alcalde tamén foi clara e contundente: NON!, manifestando contundentemente que ía a seguir coa empresa privada.

Para o BNG esta actuación está ao borde da prevaricación, pois estase a someter ás arcas municipais a un importante gasto sen xustificar, pois este servizo, cunha calidade manifestamente superior, podía ser prestado sen ningún tipo de problema pola Deputación de Lugo sen custarlle absolutamente nada ao concello.

Hai que lembrar que o feito de ter contratada esta empresa leva consigo que haxa que pagarlle máis de 60.000 euros, ademais de ter a dous funcionarios traballando nestas función, traballo que doutra forma o levarían a cabo dende a Deputación.

Para o BNG, por riba da conivencia ou non entre o Alcalde e a empresa concesionaria, está a intencionalidade da escolla dos funcionarios que atenden ás persoas que teñen algún problema cos impostos ou acoden ao concello a preguntar calquera dúbida sobre estes.

Para este traballo o Alcalde destina a dúas persoas da súa total confianza política, tanto persoal como política, para atender ás persoas que acoden con calquera dúbida ou problema cos recibos dos impostos.

Unha vez máis constátase esa forma “caciquil” coa que goberna o señor Pardo, onde se dedica a “vender” como favores cuestións ás que os cidadáns teñen todo o dereito, non dependendo este de ninguén, nin sequera do alcalde, outorgalo. “Representa unha forma de gobernar que dende o seu punto de vista lle vai permitir acudir con vantaxe ás eleccións municipais, é a visión da cidadanía como servos, non como cidadáns libres”, dixo o voceiro do BNG.

0.19153308868408