O BNG de Outeiro de Rei reparte un calendario con pezas do seu patrimonio

LugoXa | TerraChaXa
Este calendario está feito en base a todo o traballo de recollida que ten feito Orlando Viveiro sobre o concello de Outeiro de Rei.
calendario-outeiro-de-rei
13 Jan 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Outeiro de Rei vén de presentar uns calendarios, non só para felicitar o ano á veciñanza, senón tamén para que se coñeza un patrimonio material, "o dalgún caso que xa desapareceu como é a Cruz do Albardeiro de Maúnfe ou outros que están a piques de desaparecer como é a Pontella da Insua do Maiordomo en Taboi, unha pontella única por contar con unha porta de paso e cun alpendre e de seguido a ponte propiamente dita, trátase pois dunha construción singular e cunha tipoloxía única na contorna".

Este calendario está feito en base a todo o traballo de recollida que ten feito Orlando Viveiro sobre o concello de Outeiro de Rei.

Elvira Lombao, concelleira do BNG en Outeiro de Rei afirma que “o patrimonio e a cultura son legados que recibimos do pasado e que forma parte do conxunto de bens que son dignos de preservarse. E non só temos patrimonio histórico senón tamén patrimonio natural que dende o concello se debe facer todo o posible por conservar pero tamén poñer en valor para deleite da veciñanza e visitantes. Neste concello temos exemplos suficientes que merecen estas actuacións mais neste calendario só aparecen uns poucos".

"A falta dun plan específico de protección dos elementos patrimoniais e a desidia da equipa de goberno actual teñen producido numerosos atentados patrimoniais. Podemos falar do deterioro das torres de Sobrada e Taboi ou da capela románico-gó-tica da nosa Sra. De Bravos en Vicinte como algúns deses exemplos", engade.

“Ademais, queremos deixar constancia da falta de querencia do Sr. Alcalde ao noso patrimonio e o pouco que lle importa a perda deste -relata Lombao-. Temos un exemplo clarísimo na desaparición dunha porta medieval única no noso concello que é unha peza dun extraordinario valor patrimonial e que dende que se iniciaron as obras do centro de día en 2023 nada se sabe dela, a pesares de que no proxecto do mesmo se fala de que dita porta permanecera no mesmo lugar".

Neste calendario aparecen fotos tamén de palleiras, fontes, pombais e tamén fornos de cocer o barro en Bonxe.

“Queremos poñer en valor o noso patrimonio e que a nosa veciñanza o coñeza e así tamén o poida valorar”, conclúe Elvira Lombao.

0.15692901611328