O BNG de Outeiro leva ao Pleno o pago dos gastos de desprazamento das traballadoras do Saf
O BNG de Outeiro levará ao próximo Pleno do Concello unha proposta para que o goberno municipal poña en marcha as medidas necesarias para que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar cobren as dietas de desprazamento ata os domicilios das persoas usuarias.
Desta forma preténdese corrixir unha inxustiza que non ten ningún tipo de xustificación, pois estas traballadoras teñen que cruzar nalgún caso o concello de punta a punta, varias veces ao día, recorrendo centos de km diarios e non perciben compensación algunha por ese motivo. Ademais, todo iso teñen que facelo con salarios que chegan moi escasamente aos 1.000 euros, as que teñen xornada completa, que non son todas.
Esta situación está a provocar que moitas profesionais dunha cualificación incuestionable se viran obrigadas a deixar o traballo ou xa non o aceptaran, dado que as condicións económicas non cumprían o mínimo esixido para considerarse dignas.
Como servizo imprescindible que é, as condicións de traballo das persoas que o levan a cabo resulta fundamental para manter a súa calidade, debéndose fuxir de calquera tipo de explotación cara as traballadoras ou de que a compoñente de negocio ou beneficio económico para a empresa privada adxudicataria, case sempre a costa das condicións das traballadoras, se impoña ou se priorice sobre a calidade do servizo.
Esta situación que se dá en Outeiro contrasta fortemente co comportamento do alcalde e do tenente de alcalde, os cales cobran cada quilómetro, que recorren a 0,30 euros, ingresando por este motivo arredor de 13.000 euros anuais por compensación de quilometraxe que ten unha xustificación máis que discutible.
“A nós parécenos carente de toda ética que o alcalde cobre estas dietas cando ten un salario que multiplica varias veces o destas traballadoras e está a obrigalas a recorrer centos de km sen compensación algunha”, afirmou Xosé Ferreiro. “Dende logo, dende o BNG seguiremos a traballar por mudar esta situación”, continuou.
Para o BNG de Outeiro “non é casual” que todo este colectivo de traballadoras estea formado por mulleres, sendo precisamente este tipo de condutas as que provocan a precaricación dos traballos maioritariamente por mulleres e a consecuente fenda salarial entre homes e mulleres.
“Son precisamente as Administracións Públicas as que teñen que traballar para evitar estas discriminacións nas condicións laborais e non se pode permitir que isto ocorra en ningún caso e moito menos cando os cartos proveñen de fondos públicos e os responsables de que aconteza son cargos públicos”, rematou o concelleiro do BNG Xosé Ferreiro.