O BNG de Outeiro organiza unha andaina por San Fiz de Paz o vindeiro 1 de novembro

LugoXa | TerraChaXa
A ruta, de carácter circular e baixa dificultade, partirá ás 15:00 horas da Capela da Penadedra
ruta-bng-outeiro-de-rei
29 Oct 2025

O BNG de Outeiro organiza o próximo sábado 1 de novembro unha andaina polas terras da parroquia de San Fiz de Paz, unha proposta cultural e de lecer aberta a toda a veciñanza. A actividade estará guiada por Orlando Viveiro, divulgador e veciño do concello, coñecedor da historia e do patrimonio da zona.

A ruta, de carácter circular e baixa dificultade, partirá ás 15:00 horas da Capela da Penadedra, situada no Camiño Real que conecta San Clodio e Vilar. Ao longo do percorrido, de 4,5 quilómetros, os participantes visitarán diferentes puntos de interese como a Capela de Nosa Señora, o obradoiro de instrumentos de percusión de Xaneco Tubío e o Castro de Dumpín, rodeado de carballeiras.

A ruta inclúe tamén paradas na Fonte do Ouro, na Pontella da Ermida e na Agra de San Salvador, lugares cheos de simbolismo e tradición que gardan historias e lendas transmitidas de xeración en xeración. O trazado combina patrimonio, natureza e memoria, permitindo coñecer de preto a riqueza cultural e paisaxística de San Fiz e do seu entorno.

Desde o BNG animan á veciñanza a participar nesta camiñada, pensada para todos os públicos, e a descubrir, a través das historias e explicacións de Orlando Viveiro, o valor dun territorio que segue a conservar a esencia do seu pasado. O punto de encontro será a Capela da Penadreda, e ao remate do percorrido haberá transporte para a viaxe de volta.

⚙ Configurar cookies
0.077365159988403