O BNG de Outeiro pedirá en Pleno a municipalización do Servizo de Axuda no Fogar
O BNG de Outeiro de Rei presentou para o seu debate no pleno municipal que se celebrará a semana que vén unha proposta encamiñada a que o concello de Outeiro recupera a xestión directa do Servizo de Axuda no Fogar, servizo que foi privatizado hai só uns anos polo actual alcalde, o señor Pardo Lombao.
A razón desta proposta, ademais de racionalizar os custes do servizo, radica en asegurar unhas medidas sanitarias preventivas axeitadas para as traballadoras, pois este colectivo está durante todo o día en contacto con persoas maiores e calquera contaxio pode ter consecuencias irreversibles. “Segundo comentan as traballadoras así como persoas usuarias, aínda non se lles fixo ningunha proba diagnóstica de detección preventiva, o cal tendo en conta a situación que estamos a vivir coa residencia de maiores que hai en Outeiro, está a sementar a inquedanza e o medo tanto no persoal traballador como nas familias usuarias”, din dende o BNG.
Vendo o acontecido da residencia DomusVI de Outeiro, parece que queda claro que cando se poñan por diante os beneficios empresariais e políticos fronte á calidade do servizo e as condicións do persoal as consecuencias son catastróficas. O señor Pardo privatizou este servizo exclusivamente por intereses clientelares e cremos que é hora de recuperalo para a xestión pública”, continuou dicindo o concelleiro do BNG.
Nesa mesma proposta, tamén se solicita que mentres duren os trámites da municipalización, o concello garanta que a empresa concesionaria lles subministre todos o medios necesarios para traballar con seguridade e, ademais, que se lles fagan test preventivos ás traballadoras coa regularidade suficiente para impedir que poidan contaxiarse entre elas e ás familia coas que traballan.
Un último punto da proposta tamén solicita que se garanta a xestión 100% do futuro centro de DIA que o concello ten previsto construír cun crédito que ten solicitado.
“Non podemos consentir que ocorra o mesmo que coa gardería, que o alcalde privatice tamén ese centro de DIA simplemente para poder colocar á familia dos amigos e dos axentes políticos do PP”, rematou Xosé Ferreiro.