O BNG de Outeiro pedirá explicacións sobre o uso de recursos municipais para o congreso do PP

TerraChaXa | LugoXa
O BNG de Outeiro vai pedir explicacións no pleno sobre "a desviación de recursos municipais" para a celebración do congreso do PP.
pavillon deportivo outeiro de rei
22 sep 2021

O BNG de Outeiro vai pedir explicacións no pleno que se celebrará esta mesma semana sobre "a desviación de recursos municipais" para a celebración do congreso provincial do Partido Popular que se celebrou este fin de semana en Outeiro de Rei.

Segundo indican este partido político usou o Pavillón Municipal de Outeiro para a celebración do seu congreso provincial, "tendo ademais a unha boa parte do persoal traballando na organización do evento durante varios días, tanto durante a xornada laboral como fóra dela", din.

"Dáse a circunstancia que debido esa dedicación ao congreso do PP abandonáronse todas as labores habituais, incluso as urxentes, pois houbo unha estrada cortada durante máis de 15 horas pola caída dunha árbore debido a que todo o persoal estaba traballando na organización do congreso e non podían ir retirala", engaden.

“Esta actuación demostra o uso clientelar e sectario dos cartos públicos por parte do alcalde e a distinta forma de actuar que ten, pois, por exemplo, négase sistematicamente a dotar aos grupos políticos do Pleno dun local municipal para o seu traballo político no concello”, apuntou o concelleiro do BNG Xosé Ferreiro.

Dende o BNG, ademais de pedir explicacións, tamén se esixirán as responsabilidades correspondentes. "O PP usou recursos municipais para un uso particular do seu partido e polo tanto ten que pagar por ese uso e así o imos esixir".

“Xa está ben de que o alcalde use os bens de toda a veciñanza para beneficio dos seus amigos. Esta vez é co pavillón e cos traballadores municipais, pero outras veces que cos demais bens do concello. Temos que rematar con esas prácticas dunha vez para sempre. Xa está ben de que en Outeiro aínda sigamos inmersos nestes caciquismo medieval!”, rematou o voceiro do BNG.

0.19140601158142