O BNG de Outeiro pide que se retire o Proxecto de Delimitación de Polígonos
O proxecto contempla facer catro carrís na N-VI, dúas vías de servizo, aparcadoiros e dous muros de máis dun metro de altura que dividiría á vila en dúas metades, segundo explican os nacionalistas.
O BNG presentou unha moción no pasado pleno celebrado o venres 28 de outubro onde se solicitaba o arquivo definitivo do Proxecto de delimitación de Polígonos Urbanos que o alcalde tratou de impoñer hai uns anos e que obtivo o total rexeitamento da poboación da vila de Outeiro de Rei.
Hai que lembrar que neste proxecto, ademais da propia e necesaria delimitación dos polígonos, ía tamén a construción de dúas vías de servizo, catro carrís na estrada, dous muros de máis dun metro de altura e aparcadoiros a ámbolos dous lados, cuestión que provocaba que a estrada ocupase 56 metros de ancho, máis que a propia autovía, e que houbese que derribar varias casas así como tamén edificios públicos como o PAC ou o posto da Cruz Vermella.
“Xa no só son as consecuencias nefasta que tería dividir a vila en dúas metades, tal e como levaba consigo ese proxecto, senón que unha obra “faraónica” desta envergadura terían que pagala os donos das parcelas e a maioría destas non terían un valor de mercado equivalente ao custe de toda esta obra. É unha cabezonería do señor Pardo co único obxectivo de crearlle un bo “caldo de cultivo” para o negocio das construtoras e das inmobiliarias, a conta das persoas de Outeiro”, explicou Xosé Ferreiro.
Proposta totalmente distinta do BNG
O BNG fai unha proposta totalmente distinta, consistente en varios puntos entre os que figura a urbanización da N-VI dun xeito racional, pensando nas persoas e non cos coches e nas construtoras, de xeito similar ás demais vilas pro onde pasa a N-VI (Guitiriz, Baamonde, Begonte, Rábade, Baralla, Becerreá, etc) onde nin por asomo se achega e estes 56 metros.
Tamén propón solicitar e negociar co Ministerio de Fomento a urbanización da N-VI ao seu paso pola vila, converténdoa e travesía urbana e pasando a súa xestión ao concello unha vez urbanizada. Outra das medidas sería a elaboración dun PXOU que contemple a división da vila en polígonos urbanos, pensando nas persoas e contando coas veciñas e veciños, dándolles oportunidade de facer alegacións e propostas.
“Temos que rematar co descontrol e o imperio das construtoras no deseño do urbanismo en Outeiro de Rei”, rematou o concelleiro do BNG.