O BNG de Outeiro quere saber que fará o Concello coas dietas das traballadoras do SAF
O BNG de Outeiro presentou hai unhas semanas no Pleno de Outeiro unha proposta para que o Concello levara a cabo unha regularización das traballadoras do servizo a domicilio do concello, pagándolles as dietas polos moitos quilómetros que teñen que percorrer todos os días para acudir aos domicilios das persoas usuarias.
Estas mulleres non cobran ningún tipo de compensación por estes gastos, a pesares de que teñen un salario que non chega aos 1000 euros, que teñen que recorrer centos de kms todos os meses e que son as únicas traballadoras que dependen directa ou indirectamente do Concello que non cobran este tipo de compensacións.
O alcalde e os concelleiros do PP rexeitaron a proposta con argumento textual, segundo o alcalde , de que “cando estas mulleres aceptan o traballo xa saben o que hai“.
Detectado dende Outeiro que eran moitos os concellos da provincia que estaban nesta situación e vendo que unha gran parte do orzamento deste servizo é custeado polo Plan Único da Deputación, puxémonos en contacto coa BNG desa institución, trasladándolle a problemática existente. “A resposta foi contundente, pois pouco temo despois xa anunciaron que o BNG vai esixir que se contemple no regulamento do Plan Único que non se subvencione por este capítulo aos concellos que discriminen ás mulleres que traballan neste servizo, ben sexa non pagándolles os desprazamentos ou ben non cumprindo o convenio colectivo de aplicación”, afirmou Xosé Ferreiro.
Para o BNG esta é a única forma real e efectiva de loitar contra a discriminación salarial das mulleres, "obrigando deste xeito aos explotadores e os que se queren aproveitarse da precariedade laboral dos traballos feminizados a equiparación destas traballadoras co resto de persoas que traballan para esas mesmas empresas ou institucións".
Con esta nova situación, dende o BNG de Outeiro demanda ao alcalde que reflexione e rectifique, "cambiando a súa postura e empece a pagar a este colectivo de mulleres as dietas polos gastos que lles ocasiona o seu traballo, ao igual que as cobra o propio alcalde e demais traballadores do concello".
Nesta liña farán unha pregunta no próximo pleno para saber "se vai eliminar a discriminación ou se renunciará á subvención da Deputación, cos custe económicos que iso vai traer consigo para as arcas municipais e, polo tanto, para toda a veciñanza de Outeiro".