O BNG de Outeiro reclama un paso de peóns na N-VI e sinalización da Casa Manuel María
O BNG de Outeiro de Rei realizou un acto reivindicativo para reclamar o acondicionamento dun paso seguro para persoas na N-VI. Os nacionalistas instalaron un paso de peóns temporal e simbólico para demandar o que cualificaron como “unha necesidade para todas as persoas que, a diario, teñen que cruzar a N-VI para ir dun lado ao outro da vila”. Durante aproximadamente un cuarto de hora a estrada N-VI contou cun paso de peóns por primeira vez, a pesares de que o BNG leva anos demandando a súa delimitación.
Dende o BNG explicaron que “tal e como está sinalazada a estrada incluso poderían ser sancionadas as persoas que a crucen a pé”. Os nacionalistas sinalaron que “será o ministerio quen diga cal é o sistema máis axeitado para garantir a seguridade das persoas pero algo hai que facer”. Para dar solución a esta carencia pódense adaptar diferentes solucións, como indicou Ferreiro “pode ser dende un paso de peóns, semáforos, unha rotonda, un paso elevado, hai centos de solucións posibles”.
O voceiro nacionalista lembrou que “esta cita anual estase convertindo nunha tradición” e xa se fixeron accións similares e anos anteriores, “temos a idea de manter esta cita anual ata consigamos que os veciños de Outerio de Rei conten cunha estrutura que lles permita atravesar a estrada dun xeito seguro” afirmou Xosé Ferreiro que agradeceu a participación e implicación de todas as persoas que acudiron á convocatoria do BNG para participar neste acto reivindicativo. “Outeiro debe ser a única vila dende a Coruña a Madrid que non conta cun paso seguro para as persoas” dixo Xosé Ferreiro.
INDICADOR DA CASA MANUEL MARÍA
O BNG volveu mostrar o seu descontento porque non existise ainda un indicador na autoestrada e na N-VI da Casa-Museo Manuel María. Segundo indican, o alcalde non chegou a solicitar o indicador a Fomento. Polo tanto o BNG colocou un de xeito simbólico durante un pequeno anaco de tempo a modo de protesta.