O BNG de Outeiro solicita ao concello que repare o tramo municipal da estrada de Guillar ao Piago
O BNG de Outeiro de Rei demanda ao Concello que se proceda a completar a obra de reparación do tramo que lle correponde ao organismo municipal na estrada que vai dende a Urbanización de Guillar ata a ponte do Piago. Esta obra corre na súa maior parte a cargo da Deputación Provincial, dentro do Plan Provincial de Estradas, pero o concello debe facerse cargo dos case dous quilómetros existentes entre o cruce na N-VI e a entrada á urbanización.
“Non parece lóxico nin razoable que precisamente este tramo, que é o que máis tráfico ten pois da acceso ás 800 persoas que viven na urbanización, sexa o que quede en peor estado”, manifestou o voceiro do BNG Xosé Ferreiro. Dende o BNG advírtese que unha vez que a Deputación vai emprender esta obra, nada xustifica que o concello non faga o tramo que el mesmo solicitou que lle transferiran e moito máis cando aínda non deu decidido no que vai investir unha boa parte dos remanentes do orzamento do ano 2016, máis de 400.000 euros .
Do mesmo xeito, dada esta dispoñibilidade orzamentaria e as reiteradas reclamacións da veciñanza da urbanización, dende o BNG vaise insistir que é o momento de abordar a construción da ruta verde de acceso da urbanización á N-VI, facendo que os peóns e bicicletas poidan circular por uns carrís seguros e axeitados por esta ruta.
O BNG vai presentar as iniciativas necesarias para que se acometan obras no menor prazo de tempo posible e soliciatará a creación dunha ruta verde para peóns e bicicletas, tal e como veñen demandando as máis de 800 persoas que viven na urbanización. “Hai que lembrar que a urbanización de Guillar é un dos puntos do concello onde máis persoas residen, moitas delas nenos, nenas e xente maior, que se desprazan a diario a pé por este traxecto e que neste momento resulta ás veces bastante perigoso polo tráfico e tipo de vía existente”aseguraron dende o Grupo Municipal do BNG.