O BNG de Palas súmase á petición de arranxo da vía que une Palas e Friol

TerraChaXa
O BNG de Palas de Rei reclama o arranxo da vía de conexión Palas de Rei – Friol – Begonte que “leva anos esquecida”.
11 Abr 2018

O BNG de Palas de Rei reclama o arranxo da vía de conexión Palas de Rei – Friol – Begonte que “leva anos esquecida”. O BNG reclama que o PP pase das promesas aos feitos e a Xunta realice esta obra sen máis demoras. Segundo o voceiro do BNG en Palas de Rei, Manuel S. Pardellas, “a estrada LU-231, que une a Vila de Palas de Rei coa de Friol, leva moitos anos agardando por unha ampliación e mellora do seu trazado para prestar un servizo acaído ás necesidades e demandas das veciñas e veciños destas dúas vilas e os máis de 15 pobos que atravesa” e lembrou que “en febreiro do 2010, o BNG xa levou ao Parlamento galego unha iniciativa para que se mellorase esta vía”.

O BNG reclama que “remate dunha vez a fase de propaganda e o PP cumpra os seus propios compromisos, dando os pasos necesarios para que a Xunta realice está obra o antes posíbel”. En outubro do 2010, a Xunta de Galiza publica o “PLAN MOVE” onde incluía a Conexión Palas (A-54) - Friol – Begonte (A-6), con un percorrido de 40 km., un orzamento de 32 millóns de euros e a previsión deque entrara en servizo o ano 2020.

No seu momento, os alcaldes de Palas, Friol e Begonte fixeron públicas varias reunións coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda para impulsar esta obra, sen ningún resultado positivo. O pasado 5 de setembro de 2017, os propios deputados do PP presentaron unha proposta no Parlamento galego para “Instar a Xunta de Galicia a mellorar o trazado da rede autonómica de estradas no eixo Palas de Rei – Friol - Begonte”, o que demostra que os compromisos anunciados polo PP nos anos anteriores eran só propaganda. As actuais vías que comunican estes concellos levan anos abandonadas e provocan graves prexuízos e riscos aos seus usuarios, polo que a veciñanza afectada esixe unha solución urxente á Xunta de Galiza.

0.17918610572815