O BNG de Pol denuncia a redución da atención no centro de saúde pola falta de substitucións

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Explica que mentres anteriormente o centro contaba cun servizo completo ao longo de toda a semana, agora a asistencia limítase a tres días, con xornadas de catro horas
centro-saude-pol
25 Mar 2026

O BNG de Pol criticou a situación actual do centro de saúde do municipio, denunciando unha perda progresiva da calidade asistencial debido á falta de cobertura das baixas do persoal sanitario. A través do seu portavoz municipal, a formación nacionalista alerta dun deterioro no servizo tras a decisión da Consellería de Sanidade de non cubrir adecuadamente a praza deixada vacante pola xubilación dun médico.

Segundo sinalan desde o BNG, a situación traduciuse nunha redución significativa da atención dispoñible. Mentres anteriormente o centro contaba cun servizo completo ao longo de toda a semana laboral, agora a asistencia limítase a tres días, con xornadas de apenas catro horas e atendidas por profesionais distintos, o que consideran insuficiente para garantir unha atención sanitaria de calidade.

Desde a formación subliñan que o sistema sanitario público precisa medidas estruturais e non solucións temporais. Neste sentido, reclaman unha planificación eficaz, estabilidade no cadro de persoal e un número suficiente de profesionais que permitan cubrir as necesidades da veciñanza.

Pola súa banda, desde o Sergas aseguran que a atención sanitaria está garantida e que se están a realizar todos os esforzos posibles para manter o servizo. Non obstante, recoñecen a dificultade para atopar médicos substitutos, unha problemática que, segundo indican, afecta non só a este municipio senón ao conxunto de Galicia.

0.11988401412964