O BNG de Rábade pide unha solución urxente para a pasarela
O voceiro do BNG en Rábade, Iván Sangiao, sinalou o retraso e falta de actuacións en relación a dar solución á accesibilidade da pasarela sobre a vía do ferrocarril. “Rábade segue partido á metade” dixo Sangiao que lembrou “dende o mes de outubro do ano pasado, vai case medio ano, nada se volveu saber do asunto e seguimos igual”. “No mes de outubro de 2018 o rexedor da vila desplazouse a Madrid para reunirse co director xeral de conservación e mantemento de ADIF, e dixo que saira moi contento pero a realidade é que todo segue igual” relatou o voceiro do BNG.
Para o BNG “xa se deberían estar dando pasos para a nova pasarela se era certo o compromiso de ADIF anunciado no pasado ano”. “Pasou case medio ano e non hai noticias de que se deran avances para buscar solucións” dixo Iván Sangiao. Iván Sangiao anunciou que “resulta curioso que non se avance agora que o PSOE ten responsabilidade no goberno do estado e tamén no goberno municipal, parece que non hai conexión posible entre o PSOE de Rábade e o de Madrid”.
O BNG xa ten trasladado iniciativas a diferentes institucións para reclamar solucións a este tema. O voceiro do BNG anunciou que “se non hai avances voltaremos a presentar iniciativas no parlamento para tratar de desatascar un asunto que non ten un imporante custo económico para dar solución inmediata á incomunicación que sufrimos na vila” e engadiu “en calquera caso, no BNG aspiramos a unha alternativa para o trazado ferroviario que non manteña Rábade dividido en dúas metades”.