O BNG de Riotorto demanda información sobre as novas cámaras do ximnasio municipal

O BNG de Riotorto reclama ao goberno aclaracións sobre a instalación e o uso das cámaras de vixilancia do ximnasio municipal, situado dentro do recinto do colexio.
O grupo municipal rexistrou no Concello unha batería de preguntas na que se pide ao goberno que explique e documente cando se instalaron ás cámaras, se contan con autorización administrativa previa, cal é o punto de recepción das imaxes e como se garante un uso que cumpra coa norma de protección de datos e respecte a privacidade das persoas.
A portavoz nacionalista Vanesa Gómez sostén que “a instalación das cámaras e o uso das imaxes provocou preocupación e dúbidas entre a veciñanza, que o goberno municipal ten que aclarar. A xestión das imaxes ten que facerse dacordo coa normativa, respectando a privacidade das persoas, máis cando se trata de menores, e queremos que o goberno municipal explique quen se está responsabilizando diso. A autoridade do alcalde ten límites, non pode actuar como se puxese cámaras de seguridade na súa casa”
A formación nacionalista agarda que a cuestión se aborde no vindeiro pleno municipal -o 5 de decembro- coa transparencia e rigor que merece, xa que se trata de aclarar aspectos que teñen que ver con dereitos fundamentais da cidadanía e cos límites da autoridade de quen goberna, que é esencial nun sistema democrático.