O BNG de Riotorto denuncia "falta de transparencia" na contratación dunha traballadora social

O Concello de Riotorto publicou o pasado sábado no Boletín Oficial da Provincia unha convocatoria para a selección dun traballador ou traballadora social por un ano, para cubrir unha excedencia. Esta oferta de emprego foi publicada polo goberno de Clemente Iglesias con só cinco días naturais de prazo para presentar candidaturas, dous dos cales son festivos o domingo 28 de decembro, e o xoves, día de Aninovo, tal e como informa o BNG da localidade.
Esta convocatoria, "pola porta de atrás, en pleno Nadal e cun escaso prazo para concorrer, é unha mostra máis da falta de transparencia e publicidade coa que se realizan as seleccións de persoal no Concello de Riotorto que, como noutras ocasións, non fixo ningún tipo de difusión convocatoria nas súas redes sociais, nin en ningunha outra canle de comunicación coa veciñanza", din.
O BNG amosa a súa preocupación por esta "opacidade", máis cando se trata dun posto tan relevante como o de traballador ou traballadora social, que xestiona, entre outros, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), esencial para unha atención axeitada aos nosos veciños e veciñas maiores e dependentes.
A portavoz do Bloque de Riotorto, Vanesa Gómez, sostén que "é evidente que Clemente Iglesias non quere facilitar a participación nesta convocatoria. Este tipo de prácticas definen a maneira que ten o PP de Riotorto de entender a xestión do persoal municipal e os propios servicios sociais, que utiliza de xeito habitual como unha ferramenta de control da veciñanza”.
"Convén lembrar que o BNG advertiu o pasado 13 de decembro que Clemente Iglesias denunciou ante a Garda Civil tres traballadoras do SAF que se mostraron críticas coa súa xestión nun pleno municipal", explicou. O goberno de Riotorto “segue tratando de manobrar para ter un SAF ao servizo dos seus intereses políticos e non das persoas usuarias”, afirma Vanesa Gómez.