O BNG de Riotorto denuncia unha escalada de tensión no SAF tralas denuncias do alcalde a traballadoras municipais

O BNG de Riotorto fixo pública a súa fonda preocupación pola actitude do alcalde, Clemente Iglesias, logo de coñecerse que presentou denuncias ante a Garda Civil contra tres traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que foran críticas coa súa xestión municipal. Desde a formación nacionalista consideran que este feito supón un novo chanzo nun clima de confrontación que, ao seu xuízo, prexudica tanto ao persoal como ao funcionamento dun servizo básico.
A portavoz do BNG, Vanesa Gómez, cualificou a actuación do rexedor popular como un intento de “represalia directa” contra unhas profesionais que amosaron publicamente o seu apoio ás persoas afectadas polas gravacións realizadas con cámaras instaladas no ximnasio e no pavillón do colexio, asunto abordado no pleno celebrado o pasado 5 de decembro.
Segundo explicou Gómez, as traballadoras recibiron este xoves a notificación das denuncias, nas que se lles atribúe a suposta autoría de pintadas críticas coa figura do alcalde. Para o BNG, trátase de acusacións sen fundamento que “ninguén cre” e que teñen como finalidade xerar medo e enviar unha mensaxe disuasoria á veciñanza. “Preténdese advertir das consecuencias de cuestionar a xestión municipal, nunha dinámica máis propia dun réxime autoritario ca dun concello democrático”, sostivo a portavoz.
Desde o Bloque engaden que estas denuncias non son un feito illado, senón que se suman a outras decisións adoptadas polo alcalde no ámbito do SAF, como reducións de xornada e cambios organizativos que, segundo denuncian, empeoran as condicións laborais do persoal.
Vanesa Gómez advertiu de que esta forma de actuar está a poñer en risco a estabilidade dun servizo fundamental para a poboación maior de Riotorto e reclamou respecto e protección para as traballadoras do SAF. “Desenvolven un labor imprescindible e, con todo, sofren os peores salarios e condicións do persoal municipal, con xornadas parciais, horarios partidos e constantes modificacións nos seus servizos”, concluíu.