O BNG de Riotorto pide arranxos en estradas de Órrea e Santa Marta

TerraChaXa | AMariñaXa
Reclaman traballos de asfaltado e tamén limpeza de cunetas na estrada LU-P-3003 que vai desde Courel ata a N-640
7 Feb 2021

O BNG de Riotorto reclamou arranxos en diversas estradas das parroquias de Órrea e Santa Marta no pleno celebrado este venres.

En concreto, a formación nacionalista solicitou que se leven a cabo traballos de asfaltado e limpeza de cunetas na estrada LU-P-3003 que vai desde Courel ata a N-640, usada a diario por veciños e veciñas de Órrea e Galegos.

Tamén demandou melloras no firme de tres vías municipais de Santa Marta: a pista que vai desde Chacín ata a estrada provincial, moi deteriorada polos vertidos de augas residuais provocados polas deficiencias de saneamento da zona; a vía que une este núcleo ata o cruce da Moxoeira, polo Pibidal; e a pista que pasa pola Manguela, que dá servizo á captura de auga de Chacín.

Ademais, o BNG reclamou un proxecto de rehabilitación para a antiga escola de Courel que permita recuperar o edificio, agora en estado de abandono, para uso da veciñanza. A formación nacionalista considera urxente reparar o tellado para evitar o derrubamento da construción.

Os nacionalistas propuxeron que as obras sexan incluídas polo goberno local no Plan Único da Deputación de Lugo, que destina ao concello preto de 240.000 para 2021.

O concelleiro Luis Fernández explicou “que se trata de obras que demandan as asociacións de veciños que deben ser escoitadas para establecer as prioridades de investimento”.

ACTIVIDADES FORESTAIS

O Bng reiterou no Pleno a súa oposición á ordenanza de actividades forestais promovida polo goberno local, que establece unha taxa de 0.60 euros por tonelada de madeira extraída. “Serán os veciños e veciñas, pequenos propietarios dos montes, os que acaben pagando esa taxa xa que as empresa repercutirana inmediatamente no prezo que ofrezan pola madeira”, explicou o concelleiro nacionalista, que apoiou as alegacións presentadas á normativa por colectivos veciñais.

Luis Fernández lembrou que o concello xa contaba cunha normativa que establece o depósito dunha fianza á empresa que vaia realizar a tala. Se non se producen danos, a fianza devólvese á madeireira. “O goberno municipal debería centrar os seus esforzos en facer cumprir a normativa vixente, poñendo o persoal e os medios necesarios para facer un seguimento do estado das vías que se utilizan para retirar a madeira”. A taxa de 0,60 euros non evitará os estragos nas vías, ao contrario, normaliza que se produzan e traslada o seu custo aos pequenos propietarios, que verán como a súa madeira vale menos”, estimou.

Segundo as estimacións dos colectivos veciñais que se opoñen á normativa, as perdas para os propietarios e propietarias serán duns 300 euros por hectárea.

0.13549494743347