O BNG de Riotorto presentará unha proposta para convocar axudas aos estudiantes

TerraChaXa
O BNG de Riotorto presentará no pleno municipal do vindeiro venres 2 de agosto unha proposta para convocar axudas municipais ao estudo.
29 Xul 2019

O BNG de Riotorto presentará no pleno municipal do vindeiro venres 2 de agosto unha proposta para convocar axudas municipais ao estudo.
A formación nacionalista defenderá a creación de bolsas de 100 euros para as familias empadroadas no concello con fillas e fillos matriculadas no CEIP de Riotorto ou en centros de educación secundaria obrigatoria ou centros específicos de educación especial.
Tamén propón ofrecer achegas entre os 100 e os 500 euros, en función da renda, para alumnado que curse calquera modalidade de ensinanza non obrigatoria, desde Bacharelato ou Formación Profesional ata títulos universitarios.
“Levamos esta proposta ao primeiro pleno ordinario da lexislatura porque cremos que a pobación máis nova, que son o futuro de Riotorto, deben ser unha prioridade nas políticas municipais nun concello cun grave problema demográfico”, expuxo o edil nacionalista Luis Fernández.
“A convocatoria ten como obxectivo incentivar a matrícula de nenos e nenas no CEIP de Riotorto e tratar de evitar que a baixa taxa de natalidade e o desprazamento de alumnado cara a vilas próximas poñan en poñendo en perigo nun futuro próximo este servizo fundamental”, engadiu.
O concelleiro destacou a obriga de “colaborar no esforzo económico que ocasiona o comezo o curso escolar ás familias e favorecer o acceso á educación”.
O Partido Popular leva anos pasando a factura da crise ás veciñas e veciños, coa supresión da gratuidade do Servizo de Axuda a Domicilio, coa suba do recibo do lixo, e calando ante o catastrazo e os recortes en servizos públicos, ordenados desde a Xunta de Galicia e desde Madrid.
“Nunha lexislatura en que se agardan ingresos extraordinarios para as arcas municipais pola posta en marcha do parque eólico A Pastoriza, grazas en gran medida ás políticas herdadas do goberno municipal do BNG, non teñen excusa para non axudar ás familias”, concluíu.

0.056699991226196