O BNG de Vilalba convoca unha mobilización pola defensa da atención sanitaria este martes

O BNG de Vilalba vén de convocar unha mobilización en defensa da atención sanitaria pública na comarca da Terra Chá, que terá lugar o martes 22 de xullo ás 12:00 horas diante do centro de saúde de Vilalba.
A formación nacionalista denuncia a escaseza recorrente de persoal facultativo e pediátrico na atención primaria do concello, consecuencia “da falta de políticas sanitarias da Consellería de Sanidade que freasen unha escaseza que era previsible e estaba diagnosticada”. Na actualidade, Vilalba conta con 7 médicos de atención primaria fronte aos 11 que debera ter, tras dúas xubilacións e unha baixa sen cubrir.
O BNG tamén alerta da redución de persoal no servizo de enfermaría, onde non se están cubrindo as vacacións dos profesionais, e da interrupción do servizo de fisioterapia, o que está a obrigar á suspensión de procesos de rehabilitación para moitos pacientes.
A situación no servizo de pediatría tamén é crítica, segundo advirten, ao existir dúas prazas sen cubrir, deixando ás crianzas de Vilalba sen atención pediátrica nestes momentos.
“A saúde é un dereito, non un negocio, polo tanto convocamos á veciñanza a mobilizarse e a defender os servizos sanitarios públicos que lle corresponden a Vilalba e á Terra Chá”, sinalan desde o BNG local, animando á participación da cidadanía na concentración deste martes para reclamar unha atención sanitaria digna e a cobertura inmediata das prazas vacantes no centro de saúde.