O BNG de Vilalba fai públicas as condicións para o apoio aos orzamentos municipais

TerraChaXa
A peonalización da praza da Igrexa, un calendario de reunións e o impulso dunha solución para o MUPAV son os tres acordos principais
pleno-vilalba-orzamentos
17 Feb 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vilalba anunciou o seu apoio aos orzamentos municipais para o ano 2025, tras alcanzar un acordo co equipo de goberno baseado en tres compromisos fundamentais que consideran clave para o desenvolvemento da vila.

En primeiro lugar, asegura o BNG que o goberno local comprometeuse a peonalizar a praza da Igrexa, establecendo unha xuntanza antes do 1 de marzo de 2025 para informar á veciñanza sobre esta medida. Ademais, estudarase a súa activación posterior como espazo para a comercialización de produtos locais, así como para actividades culturais e de lecer.

Por outra banda, establecerase un calendario de reunións bimensuais entre o Goberno e o BNG para avanzar en cuestións como a rehabilitación e habitabilidade do casco histórico, a promoción da vivenda social, o desenvolvemento rural e o impulso do turismo.

Por último, o goberno comprométese a levar á próxima sesión plenaria a disolución do Padroado do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e a iniciar os traballos para a súa adecuación e apertura no menor prazo posible.

Con estes acordos, o BNG de Vilalba reafirma o seu compromiso coa mellora da vila e coa defensa de iniciativas que promovan o desenvolvemento sustentable e socialmente xusto do municipio.

0.19331097602844