O BNG de Vilalba pecha a campaña cunha festa previa polo Día da Patria

TerraChaXa
O BNG na comarca de Lugo pecha a campaña do 23X cunha festa en Vilalba previa ao Día da Patria, o 25 de xullo
festa bng vilalba peche campana
22 Xul 2023

O BNG comarcal organizou en Vilalba un encontro de militantes e simpatizantes como antesala á celebración do Día da Patria e punto final da campaña electoral de cara ao 23 de xullo. Esta xornada festiva enmarcase dentro dos actos programados pola formación neste mes no que se celebra o 25 de xullo. Ademais das intervencións do voceiro municipal, Tino Alvite, da responsable local, Mónica García e da parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, houbo unha actuación de música tradicional que amenizou a xornada.

Olalla Rodil fixo un chamamento a participar masivamente e encher as urnas con votos ao BNG este domingo, na que será “a primeira oportunidade dos e das lucenses de ter unha representación nacionalista en Madrid que dea voz aos problemas da nosa provincia”, explicou Rodil. “Desde Lugo facemos un chamamento a participar nunha convocatoria aberta para sumar polo país, aberta a todos os galegos e as galegas que levan Galiza na cabeza e no corazón e que, igual que o BNG, queren construír un futuro mellor, onde a nosa lingua e cultura podan desenvolverse con normalidade, con emprego digno, salarios e pensións decentes. En definitiva, construír a Galiza coa que soñamos”, salientou Olalla Rodil durante a súa intervención.

Con motivo da próxima celebración do Día da Patria, a parlamentaria animou tamén aos alí presentes a unirse e “confíar no potencial do país para construír un futuro mellor”. Olalla Rodil puxo en valor a tradición galeguista e nacionalista de Lugo. “Foi onde se celebrou a primeira asemblea nacionalista, que reuniu en Lugo aos fundadores do que foi o xermolo do que hoxe é o BNG, e por iso convido a unha celebración masiva do Día da Patria”.

Rodil resaltou a necesidade de que “Galiza conte con forzas políticas propias para defender os intereses dos e das galegas, ante uns partidos estatais que se alternan na discriminación a este país mudando o discurso segundo estean no goberno ou na oposición”. “Se algunha nación precisa un proxecto político propio esa é Galiza, porque padecemos máis as consecuencias do centralismo e padecemos máis ter forzas políticas que non miran pola xente deste país senón polos intereses que marcan as súas direccións a nivel estatal”, alegou, “e nestas semanas vimos como cambia o guión das forzas estatais, sen preocuparse por unha Galiza que perde oportunidades pero que ten dereito a gañar”.

0.19043803215027