O BNG de Vilalba pide medidas ás administracións para "evitar a privatización do maior xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior de Galicia"

TerraChaXa
O Boletín Oficial do Estado (BOE) do luns 20 de novembro de 2017 recolle a publicación dunha resolución da Delegación de Economía y Hacienda de Lugo do Ministerio de Hacienda y Función Pública pola que se acorda a venda en poxa pública de fincas rústicas na provincia de Lugo mediante o procedemento de presentación de ofertas en sobre pechado con poxas á alza.
28 Nov 2017

O Boletín Oficial do Estado (BOE) do luns 20 de novembro de 2017 recolle a publicación dunha resolución da Delegación de Economía y Hacienda de Lugo do Ministerio de Hacienda y Función Pública pola que se acorda a venda en
poxa pública de fincas rústicas na provincia de Lugo mediante o procedemento de presentación de ofertas en sobre pechado con poxas á alza.
Entre os predios que saen á poxa, que terá lugar o vindeiro 15 de decembro de 2017, atópase a Parcela 146 do polígono 1, paraxe detrás da Pena Grande, da zona de concentración parcelaria de Santaballa, no Concello de Vilalba con referencia catastral l 27065C001001460000WE. O prezo deste predio, de 35.512 metros cadrados, con expediente 2016 027 00090, é de 7.785,66 euros.
A ese respecto, o BNG local recorda que "neses terreos se asenta o xacemento arqueolóxico de Pena Grande de Férvedes en Vilalba. Trátase do principal xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior de Galiza aparecendo referenciado no prego de condicións da poxa co seu correspondente número de rexistro no Inventario General de Bienes y Derechos del Estado 2013-724-27-027-0000-088".
Este conxunto arqueolóxico ao ar libre foi descuberto en 1971 polo vilalbés José Ramil Soneira e del foron recuperados distintos útiles de sílex, cuarzo e vidro de rocha, así como un colgante pétreo de forma ovoide cun buraco circular datado hai 17 mil anos, considerado até o momento como a peza máis antiga do noso país, depositada, ao igual que outros restos, no Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba.
Nese sentido, o voceiro local do BNG, Félix Jorquera, considera que "a venda desta parcela podería supor a privatización do maior xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior na Galiza se acaba en mans particulares e moi posibelmente a destrución do lugar tal e como o coñecemos poñendo en risco a súa pervivencia, por exemplo, coa plantación de eucaliptos, como acontece nas inmediacións do lugar actualmente".
É por iso polo que o BNG "reclama das administracións públicas as medidas necesarias para garantir a protección e conservación do xacemento arqueolóxico de Pena Grande de Férvedes en Vilalba, arredor do cal foi construído o Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba o que evidencia a súa importancia histórica e patrimonial".
Concretamente, o voceiro local preguntará no vindeiro pleno municipal polas medidas que adoptou ou vai adoptar a alcaldía para asegurar que os terreos nos que se asenta o xacemento arqueolóxico de Pena Grande de Férvedes en Vilalba sigan sendo públicos e para garantir a súa protección e conservación no futuro.

0.18121290206909