O BNG de Vilalba presenta unha iniciativa para mellorar a reciclaxe
O Bloque Nacionalista Galego en Vilalba presentou ao goberno e corporación municipal, vía rexistro, unha proposta para mellorar o servizo de recolleita e xestión do lixo, debido á carencia de iniciativas e medidas para contribuír ao coidado medioambiental no Concello.
Porén, o bloque leva nesta medida a suxerencia de adquirir máis colectores que faciliten a reciclaxe, sobre todo na área rural, e que o ente municipal dote ao punto limpo cun servizo de recolleita a domicilio.
A responsable local do BNG, Pilar Prieto, indicou que “cada vez vemos como se forman máis vertedoiros incontrolados por todo o Concello, sobre todo no rural, este feito débese en parte pola falta de colectores de reciclaxe como tamén por non ampliar o servizo de punto limpo a domicilio, servizo que cremos que é útil e sinxelo de pór en marcha dentro do prego de condicións que se lle fixa á empresa encargada do servizo, prego que deberíase estar negociando xa”
Desde a organización nacionalista resaltan que “queremos unha Vilalba que sexa vangarda na reciclaxe e na xestión de residuos, a veciñanza precisa de ferramentas para poder levar a cabo esta función vital para o noso medio ambiente, no que agora vese limitada para facelo” sinalou a responsábel local, ao que engadiu “estas demandas tamén foron transmitidas pola veciñanza a esta organización política e cremos que debemos darlles voz en algo que é fundamental para o noso Concello”
Xestión de augas residuais
A formación nacionalista tamén formulou a carencia dunha planta depuradora de augas, ao que faia desta e a pouca conexión coa rede de sumidoiros está provocando fugas de augas residuais.
Consideran que “Vilalba precisa dun plan para a xestión das augas, no que unha planta depuradora e a posta dunha rede de sumidoiros eficiente sería o máis acaído para súa solución, non pode ser que cando choiva os sumidoiros vertan e provoquen as consecuentes molestias para transitar e a contaminación do solo” sinalou Pilar Prieto.