O BNG de Vilalba propón a creación dunha bolsa de axudas para o alugueiro de locais comerciais por parte de emprendedores

TerraChaXa
O Grupo Municipal do BNG de Vilalba leva ao pleno deste martes 3 de outubro unha moción para a creación dunha bolsa de axudas a emprendedores que necesiten alugar local comercial en Vilalba.
3 Out 2017

O Grupo Municipal do BNG de Vilalba leva ao pleno deste martes 3 de outubro unha moción para a creación dunha bolsa de axudas a emprendedores que necesiten alugar local comercial en Vilalba.

Así, o voceiro, Félix Jorquera, propón a creación dunha partida económica nos vindeiros orzamentos para establecer axudas a novos emprendedores no concepto de aluguer de local comercial no inicio da súa actividade.

"O sector comercial foi sempre un piar económico de Vilalba como cabeza de comarca. Mais é preocupante que nos últimos tempos o número de locais comerciais baleiros vaia en aumento. Na zona máis céntrica dende a rúa da Pravia, esquina con Plácido Peña, ata a confluencia coa Rúa Galicia hai case unha vintena de locais sen uso que dan boa mostra da perda de peso comercial da vila", segundo defende Jorquera.

Pero tamén indica que "esta situación choca co pulo de moita xente emprendedora que precisa un local para comezar unha actividade económica no noso Concello e que vese freado pola carestía dos mesmos. Pois a pesares da moita oferta existente os prezos seguen sendo moi elevados para quen principie unha actividade comercial". Así, tendo en conta que "un comercio activo é a garantía dunha vila dinámica e un creador importante de postos de traballo", cre que "o Concello debe de buscar os resortes máis acaídos para garantilo".

Fondos suficientes para compensar o 100% dos danos provocados pola fauna salvaxe
Por outra banda, o voceiro nacionalista na corporación municipal demanda tamén do Goberno da Xunta de Galiza a dotación orzamentaria suficiente para compensar o 100% do valor dos danos provocados pola fauna salvaxe en explotacións agrarias e gandeiras, atendendo ao valor real do dano producido e facilitando a xestión e o cobro inmediato da compensación económica correspondente.

Na mesma liña, instar ao Goberno da Xunta a crear unha comisión de control e seguimento dos efectos da fauna salvaxe, na que estean representados os sectores afectados como o gandeiro, propietarios dos terreos, usuarios dos terreos cinexéticos, Administación…, facendo unha avaliación anual dos danos e beneficios relacionados con esta fauna. E tamén propón adoptar medidas de ordenación do monte e de cultivos que favorezan a permanencia das explotacións e os cultivos agrarios e forestais e tamén a biodiversidade do medio ambiente no noso rural.

Parque comarcal de Bombeiros
O BNG de Vilalba quere saber se o Concello de Vilalba reclamará á Xunta os fondos que lle corresponden para garantir que os salarios dos traballadores do parque de Vilalba (e todos os da provincia) sexan como mínimo idénticos aos do resto das provincias galegas ante "a situación de discriminación salarial" que os traballadores dos parques de bombeiros provinciais alertaban nos últimos meses.

"O BNG, a través do seu grupo municipal, traballou para paliar esa situación e a través dunha iniciativa plenaria obtivo a maioría para que a Deputación aportase a partida económica necesaria para finalizar con esa inxusta situación. Mais por outra banda, a Xunta segue sen garantir que da súa parte, dentro da estrutura destes parques, garanticen con orzamento esta equiparación, tendo a Deputación que asumila ao completo", como recorda Jorquera.

Por outra banda, "tampouco aclara a Xunta cal é o modelo que lle agarda a estes parques comarcais, entendendo o BNG que deberían ser 100% públicos. Ante esta situación, pregunta se o Concello de Vilalba defende o sistema semiprivado dos parques ou defendería no seu intre un modelo 100% privado en caso de se producir".

0.15792894363403