O BNG de Viveiro chama a mobilizarse ás portas de Alcoa en San Cibrao este venres por unha Tarifa Eléctrica Galega

TerraChaXa | AMariñaXa
24 Abr 2019

O BNG de Viveiro apoia a convocatoria da CIG de este venres 26 ás 13:30 diante de Alcoa en San Cibrao, e fai un chamamento á veciñanza de Viveiro para mobilizarse a prol dunha tarifa enerxética predecíbel e estábel para a industria electrointensiva para evitar así, o peche de máis fábricas por culpa do prezo da electricidade.

Xa no pasado mes de decembro diferentes membros do BNG de Viveiro xunto co deputado do BNG, Mini Rivas, recollían sinaturas de apoio á implantación dunha tarifa eléctrica propia e propoñendo a adopción de medidas prácticas, tanto no desenvolvemento das competencias propias, como instando ao Goberno do Estado a aplicar as pertencentes ao seu ámbito que permitan a diminución do prezo da factura eléctrica e ao fin da discriminación que padece Galiza por este motivo.
"É unha barbaridade que teñamos miles de postos de traballo en perigo polo prezo da electricidade sendo productores de enerxía" engadiu á candidata á alcaldía de Viveiro, Miriam Bermúdez, e continuou: "e temos un claro exemplo no Concello de Muras, gobernado polo BNG, onde a produción eléctrica dos aeroxeneradores beneficia directamente ás veciñas e veciños reducíndolles as facturas da luz, como non se vai a poder facer a nivel de Galiza si somos nós, os galegos, os que máis enerxía exportamos cara o resto do estado?".

0.18413281440735