O BNG de Viveiro insta á gravación dos plenos
O BNG de Viveiro propuxo a gravación dos plenos en vídeo e a súa subida á web do Concello o 21 de agosto do ano pasado a través dunha moción que pedía dotar os plenos locais de cámaras e micrófonos co fin de avanzar na democratización e transparencia do Concello. "Tal e como se mostra nos puntos do noso programa, cremos na necesidade de acadar unha transparencia da xestión pública como principio que nos achega a unha política máis ética, eficiente e inclusiva, ademais de amosar un compromiso coa boa administración", dicían.
A 2 de maio de 2020, a moción levada ao pleno polos nacionalistas seguía sen intaurarse, a pesar de haberen transcorrido máis de 8 meses. Míriam Bermúdez insistía na importancia de “poñer a andar o sistema de gravacións pois xs veciñxs pódenas seguir igualmente na web sen acudir de forma presencial e polo tanto sen risco”.
"Unha vez acadada a proposta do BNG, cabe recalcar a importancia que teñen estas gravacións para a cidadanía", din. É por iso que os nacionalistas creen na necesidade de mellorar a calidade dos vídeos, corrixindo os erros de son que se deron en anteriores plenos, ademais dunha gravación correcta, capaz de seguir a continuidade do acto. Poñen como exemplo algún dos vídeos publicados polo concello murense, gobernado polo BNG, "onde se aprecia un claro traballo e compromiso por facer chegar á cidadanía as decisións tomadas do pleno, cun equipo de son e imaxe eficiente".
"Seguimos a vivir unha situación sanitaria extraordinaria, que agudiza a imposibilidade de moitos cidadáns para achegarse aos actos de forma presencial. Co fin de poñer en seguridade a saúde de todos os veciños, insitimos en que o Concello ten que facer un esforzo por achegar á veciñanza de todas as parroquias de Viveiro aos plenos da corporación municipal, tendo así a oportunidade de escoitar os debates e acordos que se aproban neste órgano e que lles afecta directamente, servíndose das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, tan relevantes e acudidas nestes momentos", conclúen.