O BNG de Viveiro parabenízase polo acordo municipal que demandará as melloras necesarias no Centro de Saúde

TerraChaXa | AMariñaXa
5 Feb 2019

O BNG de Viveiro presentou o pasado 23 de xaneiro unha moción no Concello en defensa da sanidade pública, a cal serviu para forzar á corporación municipal a debatir no pleno sobre a situación da sanidade e a precariedade dos servizos no Centro de Saúde de Viveiro por mor dos recortes salvaxes que ven aplicando o goberno galego do PP.
O BNG parabenizouse e parabenizou á súa veciñanza polo acordo que pretende alcanzar a corporación municipal para demandarlle á Xunta do PP as melloras necesarias, recollidas na moción presentada polos nacionalistas, para o Centro de Saúde de Viveiro co fin de que os profesionais do mesmo podan dar un servizo de calidade á veciñanza e usuarios do centro de atención primaria do Concello.
Por outra banda, os nacionalistas instan á alcadesa a emendar a moción do tripartito que van debater no pleno do día 6 de febreiro para incluír entre as reclamacións á Xunta a atención fisioterapéutica no Centro de Saúde de Viveiro en quenda de tarde, xa que só se dispón dunha fisioterapeuta na quenda de mañá, o que supón que o servizo e a instalación pública permaneza pechada pola tarde provocando longas listas de espera (de até un ano) ou a derivación a centros privados. Situación que se ve agravada desde o 31 de xaneiro en que o Sergas rompeu o concerto para a prestación de servizos de rehabilitación con clínicas privadas na Mariña, e todas as persoas que eran atendidas nas mesmas viron suspendido o tratamento de fsioterapia, sen recibir ningunha información e solución do Sergas ao respecto, según ven de denunicar a CIG Saúde da Mariña.
Por último, o BNG de Viveiro quixo aproveitar para animar aos seus veciños a acudir o domingo 10 de febreiro a Santiago de Compostela as 12:00 da mañá, á manifestación nacional pola Sanidade Pública Galega convocada por SOS Sanidade Pública.

0.18465805053711