O BNG de Viveiro pecha a candidatura co respaldo de tres ex-concelleiros históricos
A Asemblea Local do BNG de Viveiro ven de aprobar o pasado venres, 6 de abril a candidatura ao completo coa que vai concurrir ás eleccións municipais de Viveiro do 26 de maio.
A organización frontista acordou por unanimidade que o que fora o seu Portavoz na corporación municipal de Viveiro no ano 79, tenente de alcalde e concelleiro de cultura, Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, ocupe o posto 20 da lista da candidatura, pechando así a mesma, xunto cos seus compañeiros de goberno durante o bipartito, Xosé Antonio Goás Basanta, que asumira a responsabilidade da concellería de deportes, e que ocupará o posto 19, e César Naval Parapar, que estivera ao fronte da concellería de comercio e turismo, e que irá no posto 17. Os tres ex-concelleiros históricos amosaron a súa satisfacción de poder acompañar no comezo desta nova e ilusionante etapa do nacionalismo de Viveiro, á candidata do BNG á alcaldía, Miriam Bermúdez, e de pasarlle o testemuño ao novo grupo municipal do BNG que vaia sair das eleccións municipais de maio.
A candidatura que ven de aprobar o BNG é unha candidatura plural e feminista que integra a xente independente, composta por persoas de diferentes sectores (educativo, servizos sociais, autónomos, industria, admón local, etc.), que abarca múltiples ámbitos (cultural, deportivo, estudantil, social, etc.) e un grande abano de idades, sumando así experiencia e veteranía con mocidade e entusiasmo para dar o mellor de cadaquén polo seu concello. Unha candidatura que ten o corazón e a mente posta en Viveiro,disposta a traballar para transformar a súa vila nun modelo de concello na que a veciñanza poda desenvolver o seu proxecto de vida sen verse na obriga de buscar o seu futuro lonxe da súa terra, asegurou a cabeza de lista e actual vicerresponsábel do BNG, Miriam Bermúdez.
A presentación dxs membros da candidatura do BNG realizarase nun acto conmemorativo do 40ª aniversario da primeira corporación municipal despois da dictadura, que está a preparar a organización nacionalista e que se celebrará nas vindeiras semanas.
Por último a candidata á alcaldía, Miriam Bermúdez, anima á veciñanza a sumarse ao proxecto do BNG para impulsar e transformar o concello de Viveiro e afirma que, nestas últimas semanas de xuntanzas e contactos coas veciñxs de Viveiro foron moitas as persoas que lles amosaron o seu apoio e a súa disposición para colaborar no proxecto de transformación de Viveiro, no cal está a traballar a organización nacionalista.