O BNG de Viveiro pedirá no pleno un plan económico plurianual

TerraChaXa | AMariñaXa
O BNG de Viveiro leva a pleno a elaboración dun plan económico plurianual para evitar un mandato máis no que sexa a improvisación e o desleixo a maneira de facer política do goberno actual.
Captura de pantalla 2019 07 23 a las 11.16.14
19 Xul 2019

O BNG de Viveiro leva a pleno a elaboración dun plan económico plurianual para evitar un mandato máis no que sexa a improvisación e o desleixo a maneira de facer política do goberno actual.

O Bloque Nacionalista Galego ten claro que para garantir o benestar e calidade de vida da veciñanza de Viveiro é necesario poder contar cuns servizos e espazos públicos de calidade, accesíbeis, seguros e con usos plurais, contar cunha vila sustentábel, sostíbel e respectuosa co medio ambiente, así como tamén é fundamental que a veciñanza poda contar cun traballo digno, cunha oferta cultural ampla e con vocación maioritaria, ademais de ter a posibilidade de acceso á actividade físico-deportiva en igualdade de condicións.

O goberno municipal ao fronte do concello é o responsable de garantir á veciñanza o seu benestar e mellorar a súa calidade de vida e, por isto, desde o BNG, instan ao equipo de goberno a traballar de xeito planificado e coordinado cos axentes económicos e sociais locais e, paralelamente, a buscar o consenso cos membros da corporación municipal para acordar, entre todas e todos, as actuacións e investimentos prioritarios para Viveiro para executar ao longo dos vindeiros catro anos, co obxecto de  crear as  condicións necesarias que permiten conquerir os seguintes aspectos.

1) a dinamización da economía local, xerando actuacións e investimentos que poñan en valor os recursos endóxenos cos que conta o concello e que aposten firmemente por  un modelo de crecemento económico sustentábel para Viveiro.

2) plans que devolvan os espazos públicos ás persoas, transformándoos en centros de socialización e convivencia e que garantan infraestruturas viarias municipais seguras.

3) Avanzar na subministración de auga potable e o saneamento en todas as parroquias do concello.

4) Democratizar o acceso á cultura, contribuír á participación activa das veciñas e veciños no labor cultural e por en valor as diferentes manifestacións culturais.

5) Contribuir a aportar solucións ás demandas e necesidades da mocidade.

6) Garantir a posibilidade de practicar unha actividade física e do deporte a toda a veciñanza que o demande.

7) Avanzar na modernización da administración municipal de Viveiro.

O BNG ten claro que, para executar os investimentos necesarios que garanten o benestar e a calidade de vida das veciñas e veciños de Viveiro, o concello necesita contar cunhas inxentes partidas económicas no orzamento municipal anual e, ao mesmo tempo é consciente de que os recursos económicos do concello son limitados e insuficientes, ademais de arrastrar unha débeda viva municipal duns 10,4 millóns de euros, herdanza do desgoberno do PP neste concello, e que representa máis dun 75% do orzamento do 2018.

Débeda da que teñen facerse cargo en cada exercicio presupostario, ano tras ano, as veciñas e veciños de Viveiro. Por isto e co fin de racionalizar e optimizar os recursos económicos e os investimentos do concello, e evitar un mandato máis no que sexa a improvisación e o desleixo a maneira de facer política municipal o goberno actual, desde o grupo municipal do BNG propoñen á corporación municipal a elaboración consensuada dun plan económico plurianual a desenvolver durante o mandato 2019-2023. Plano no que se deberán estabelecer as prioridades en materia de investimentos e no que figurarán no mesmo as obras a executar, as partidas que previsíbelmente sexan necesarias para a súa execución, o cronograma de actuacións das mesmas e onde se recolla a fase de  execución na que se atopa cada investimento previsto.

Un plan, en definitiva, no que se dea prioridade a investimentos que procuren melloras sociais e ambientais. Nesta mesma liña de traballo, así mesmo, o BNG  propón a creación dunha comisión de seguimento deste plano económico de investimentos onde estean representados todas as forzas políticas con representación municipal e representantes do tecido asociativo.

O compromiso do BNG adquirido coa veciñanza de Viveiro para os vindeiros catro anos é a de facer unha oposición rigurosa e contundente pero tamén construtiva e propositiva para seguir a traballar como vimos facendo nos últimos anos, e agora novamente desde a corporación municipal, na defensa dos intereses das veciñas e veciños de Viveiro e do seu benestar, a inclusión social, a igualdade, a calidade de vida e na defensa da participación activa popular na toma de decisións do concello  co fin de avanzarmos na transparencia e na democratización da política municipal desenvolta neste concello.

É por isto polo que traen ao primeiro pleno do novo mandato esta moción na que se propón algo primordial para unha boa xestión municipal, que é a de planificar consensuadamente e programar a execución, con rigor e seriedade, de investimentos fundamentais para beneficio de Viveiro, da veciñanza e tamén dos que nos visitan cada ano.

Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG solicita ao pleno da corporación local a adopción do seguinte acordo: a aprobación da elaboración dun Plano Económico plurianual (2019-2023) en materia de investimentos no concello de Viveiro por parte do Goberno Municipal e en segundo lugar, crear unha comisión de seguimento que se reuniría no plazo acordado, no pleno onde se aprobe o Plano Económico plurianual de investimentos, que sexa aprobado polo pleno da corporación municipal.

0.19111704826355