O BNG de Viveiro solicita bandos "á altura das circunstancias"
Míriam Bermúdez solicita ao Goberno de María Loureiro a que informe á veciñanza das medidas adoptadas relacionadas co proceso de desescalada a través dos medios oficiais que dispón o Concello, pois non todo o mundo utiliza as redes sociais nin é unha vía oficial.
É por isto polo que debe ser esencial a publicación dos bandos na páxina web do Concello no momento de facelos públicos e situalos nun lugar visíbel facilitando a súa consulta aos veciños e veciñas.
Por outra banda, demandamos tamén que se proceda á colocación dos mesmos nos taboleiros existentes en cada parroquia, así como nos taboleiros postos a raíz da moción do BNG para un Viveiro libre de contaminación electoral, aproveitando que algúns deles xa estan instalados e suxerindo deixalos de forma permanente para que ademais de colocar os cartaces de cada cita electoral, sirvan para os bandos oficiais, cartaces culturais, de festas, etc.
Míriam Bermúdez tamén incide na redacción dos bandos recalcando que "consideramos que o texto do bando debe ser máis preciso e aportar toda a información necesaria, polo que deberán explicar no texto qué supón unha franxa horaria e o que recolle a lei en canto as actividades que poden realizarse e condicións das mesmas. Poñer unha frase na que se lle di á veciñanza que consulte a normativa, non facilita información”.
Por outra banda vén de publicarse o BOE extraordinario que marca as condicións para a reapertura ao público de establecementos, locais e terrazas a partir das 00h do luns 11 de maio así como as medidas de hixiene esixibles tanto dentro dos establecementos como para os/as clientes, polo que solicitamos ao goberno municipal do Concello de Viveiro que dispoña e distribúa de xeito urxente toda esta información nunha guía única destinada a todas e todos os comerciantes e hostaleiros e tamén para veciñas/os antes do día de apertura, este vindeiro luns.