O BNG de Viveiro solicitará a elaboración e posta en marcha dun Plan Plurianual de Mantemento

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
As vías de comunicación representan un papel decisivo para o desenvolvemento económico dos concellos e a súa cohesión, integración e equilibrio territorial e, dentro destas, a rede de estradas municipais xogan un papel vital para a vertebración interna dos concellos e mesmo para a dinamización económica e crecemento do municipio.
9 Dec 2019

As vías de comunicación representan un papel decisivo para o desenvolvemento económico dos concellos e a súa cohesión, integración e equilibrio territorial e, dentro destas, a rede de estradas municipais xogan un papel vital para a vertebración interna dos concellos e mesmo para a dinamización económica e crecemento do municipio.

Polo que se esta rede de estradas de titularidade municipal, non están en condicións aceptables para que a veciñanza poda satisfacer as súas necesidades básicas (educación, traballo, alimentación e saúde) é pouco probable que as veciñas e veciños podan encarar unha situación de mellora económica e gozar dunha boa calidade de vida.

Comentan desde o BNG de Viveiro que esta situación é a "que están a padecer as veciñas e veciños do concello de Viveiro" debido ao avanzado estado de deterioro da súa rede viaria municipal e que supón un auténtico perigo tanto para os usuarios que circulan por elas como para a veciñanza.

A competencia municipal en materia de vías públicas alcanza tanto ás urbanas como ás rurais e é de obriga das entidades locais mantelas en bo estado de conservación e sinalización. Así, "as obras de mantemento que ven desenvolvendo nestes últimos anos o concello de Viveiro nas diferentes vías municipais é evidente que se están a facer sen ningún tipo de planificación nin programación das actuacións e carece de toda definición de obxectivos e dunha análise e diagnose da súa rede viaria. Esta falta de planificación de actuacións e de previsión dos recursos necesarios para proceder ao axeitado e racional tratamento das deficiencias detectadas en cada unha delas, nun diagnóstico previo, trae como resultado o lamentable e perigoso estado da rede viaria municipal, inclusive naqueles tramos das vías onde o goberno municipal realizou recentemente actuacións que evidencian a provisionalidade das obras e fai das mesmas un mero parcheo sen futuro algún, posto que a masa asfáltica está sendo levantada en curto prazo de tempo co paso de vehículos" din dende o BNG.

O concello de Viveiro, "non conta nin cun plan que contemple a execución planificada de traballos de mantemento correctivo, de mellora do firme e de rehabilitación da súa rede viaria, nin cun plan de traballos de mantemento preventivo que contemple a limpeza das beiravías, limpeza de sinais verticais, mantemento de barreiras de contención vehicular" engaden os nacionalistas.

Desde o Bloque Nacionalista Galego cren que para poder realizar adecuadamente as actividades de mantemento, conservación e rehabilitación, débese contar cunha política na cal dunha maneira convenientemente estruturada, o goberno municipal debe formular os obxectivos xerais perseguidos a corto, medio e longo prazo e a maneira de obter os recursos necesarios para acadar eses obxectivos.

O BNG de Viveiro aposta por unha política municipal en infraestruturas viarias que se apoie nun Plan de mantemento, conservación e rehabilitación da súa rede viaria, articulado a través duns programas concretos de actuación a realizar nos vindeiros anos para a consecución de obxectivos como conformar unha rede viaria municipal máis segura, favorecer a cohesión e vertebración do territorio municipal, potenciar a mobilidade e conexión entre os nucleos urbanos e rurais. Ademais, mellorar a accesibilidade das zonas máis alonxadas e de máis difícil acceso ou lograr unha xestión máis eficiente da rede viaria municipal.

Para asegurar o éxito deste Plan, a organización nacionalista considera "de vital importancia que o goberno municipal que o poña en marcha dispoña dos recursos suficientes e constantes no tempo para asegurar unha correcta labor de conservación das infraestruturas", posto que de nada serve que se invista unha grande suma de diñeiro para a mellora do firme dunha estrada, se nos anos posteriores non se leva un control do seu estado.

Por todo isto o grupo municipal do BNG solicitará ao Pleno a aprobación da elaboración e posta en marcha dun Plan Plurianual de Mantemento, Conservación e Rehabilitación da rede de estradas de titularidade municipal do Concello de Viveiro no que se implementarán os programas de Mantemento e axuda a vialidade, Programa de Conservación Periódica e Programa de Rehabilitación e incluirá na súa planificación a diagnose do estado actual da rede viaria municipal, as actuacións a desenvolver por orde de prioridade e calendario de obras a executar.

A creación do grupo de programa presupostario XXX Plan de Mantemento, Conservación e Rehabilitación da rede de estradas de titularidade municipal a integrar no estado de gastos do orzamento xeral para o 2020 cun crédito inicial do 2% do orzamento municipal do exercicio 2020.

Poder destinar o 50% dos fondos correspondentes ao programa de investimentos do Plan Único 2020 da Deputación de Lugo que lle sexan asignados ao Concello de Viveiro para as obras a desenvolver dentro dos programas de Conservación e Rehabilitación do Plan Plurianual de Mantemento, Conservación e Rehabilitación da rede de estradas de titularidade municipal.

E a búsqueda de recursos económicos para suplementar o grupo de programa presupostario recollido no punto 2, a través de liñas de axudas e da colaboración e cooperación doutras administracións públicas.

0.17737412452698