O BNG de Xermade aposta polo rural
O mércores 22 tivo lugar o mitin do BNG de Xermade, nel falaron Gabriel López, candidato á alcaldía, Secundino García (alcalde de San Sadurniño) e Mar Hermida (candidata do BNG).
Gabriel López asegurou que “Xermade é un concello rural que precisa recuperar e desenvolver toda a súa capacidade produtiva do sector primario, clave no desenvolvemento económico da veciñanza.” Para isto é fundamental “implementar políticas tanto de defensa das explotacións agrarias do concello como encamiñadas a atraer novos proxectos agrarios que fixen poboación, xeren emprego e revertan o declive poboacional", afirmou. Neste ámbito as propostas do BNG céntranse na creación dunha oficina de información e xestión agraria, no control da fauna salvaxe, na creación dun banco de terras e outro de vivendas. Ademais Gabriel insistiu en que “facer unha campaña electoral a golpe de prebendas, enchufes, promesas de traballo, aglomerado e zaorra, pensado que nas aldeas nos conformamos con iso é un insulto e devólvenos ao pasado, a aquela vella fórmula de facer política, ao Cacharrismo puro e duro que campou polo Lugo rural nos 80 e 90, independentemente de que que o practique vaia envolto en azul ou en roxo desteñido". Tamén lembrou que nestas eleccións “non se presentan tres opcións distintas á alcaldía, non nos enganemos, somos dúas: a vella fórmula caciquil de sempre baixo as siglas do PP e do PSOE e a alternativa democrática que representa o BNG".
Asemade falou Secundino García que explicou o modelo de goberno do BNG que fixo que San Sadurniño “perdese o medo infundido durante anos contra o BNG. A xente deuse conta de que o noso modelo de goberno ilusiona e séntese orgullosa de vivir en San Sadurniño como se sentirá a xente de Xermade se goberna Gabriel López”.
Lembrou tamén a necesidade de que "Ana Miranda nos represente en Europa pois alí trátanse temas fundamentais para Galicia, foi ela que levou o accidente do Alvia a Europa, quen tratou os problemas da pesca e quen defendeu os labregos e labregas deste país”.
Distintos lobos, mesmas formas
Tamén fixeron referencia ao úlitmo pleno. "Esta semana estamos moi sorprendidos das formas do democrático señor alcalde, coa convocatoria de pleno extraordinario a un día do remate de campaña para aprobar dous temas, o incremento do prezo do SAF e a creación dun parque de xogos infantís nunha parroquia do concello".
O contrato coa empresa aduxudicataria do SAF foi asinado en 2013 cunha duración de dous anos, prorrogable a dous máis. "Isto é rematou en 2017 e en dous anos e a pesar das peticións feitas polo BNG en pleno, mantívose un contrato irregular e non se fixo nada para municipalizar o servizo ou sacar a concurso en forma para unha nova adxudicación", explican. "Agora as esixencias da empresa contratista céntranse na suba do prezo da hora de atención baixo a ameaza da suspensión do servizo no prazo dun mes. Dende o BNG entendemos agora cales eran as pretensións de Roberto García cando dixo que a dependencia manexaba moitos cartos pero a calidade de vida das persoas maiores do concello non mellora nin con propostas da veciñanza; baste recordar a iniciativa dunha asociación de veciños do concello para a creación dun centro de día, imprescindible para que as persoas maiores teñan mellor calidade de vida sen afastarse das súas raíces. Supoñemos que a proposta seguirá no caixón da Alcaldía mentres que en concellos limítrofes PSOE e Deputación vén primordiais a creación dun centro de día (Vilalba, Abadín, Guitiriz...)", engaden.
En canto á creación dun parque de xogos infantís "observamos que durante catro anos de mandato non creou ningunha iniciativa para a infancia e agora vénlle a présa a última hora para vender máis fume á veciñanza", din.
"O PP en campaña electoral sempre amosou unha venda de favores (asfaltado de pistas con reclamación xudicial incluída por impago a un contratista) e Roberto García Pernas non ía ser menos. Case catro anos sen tocar as pistas e 15 días antes das eleccións hai un despregue de máquinas e asfaltados que nin nas mellores horas do PP e de Cacharro Pardo", conclúen.