O BNG de Xermade non asistirá ao Pleno en sinal de protesta polo cambio de data
O BNG de Xermade non asistirá ao Pleno previsto para hoxe, xoves 11 de outubre, en sinal de protesta polo cambio de data realizado polo alcalde. Os nacionalistas consideran que non houbo razón para o cambio e que hoxe non resulta posible a asistencia.
Segundo indicaron o pasado mércores 3 de outubro recibiron aviso por parte da secretaria do Concello do retraso do Pleno ordinario, previsto para o xoves 11 de outubro. A data proposta pola Alcaldía era o seguinte xoves, polo tanto o día de hoxe. O BNG respostou que o cambio de data "nos viña mal, considerando que por parte do Concello debían facilitarse outras propostas. Propostas que non se produciron e non soubemos nada do Concello ata que recibimos a convocatoria do pleno para o día 18 de outubro". Agora a cuestión é: para que se nos pregunta se logo o señor alcalde vai facer o que quere?
Na proposta de cambio de data explicábase que "se debía a motivos persoais do señor alcalde, aclarando que estes eran a recuperación dunha intervención cirúrxica". Non foi o BNG quen pediu explicacións dos motivos de cambio de data. "Aínda que aproveitando que o señor alcalde os facilitou, gustaríanos saber esa recuperación tan selectiva que teñen esas intervencións cirúrxicas. Permiten estar de viños, facer vida social, visualizarse nas festas, carreira popular, etc. Pero impiden asistir a unha sesión plenaria", indican.
"O do pleno deste mes tan só é unha mostra máis do respecto que ten o señor alcalde á oposición. Ás veces avisa para asistir a actos que están a ter lugar no mesmo momento no que se nos chama ou se nos fai chegar o mail. No mellor do caso avísasenos un par de horas antes para asistir a xuntanzas que para nós son importantes pero temos vida, non vivimos do Concello e non podemos deixar os nosos traballos. Noutras ocasións xa non se nos avisa e sabemos das cousas, pola veciñanza ou en ocasións pola prensa que sempre se avisa xa que ó señor alcalde lle gusta saír nas fotos", reclaman.
Por estes motivos, o grupo do BNG de Xermade non asistirá ó pleno que se celebrará na tarde de hoxe, en sinal de protesta pola falta de respeto que o grupo de goberno ten cara a oposición e o noso traballo.