O BNG de Xermade pide máis fondos para os danos da fauna salvaxe e a conservación da ponte de lastras sobre o río Trimaz
O BNG de Xermade demanda do Goberno da Xunta de Galiza a dotación orzamentaria suficiente para compensar o 100% do valor dos danos provocados pola fauna salvaxe en explotacións agrarias e gandeiras, atendendo ao valor real do dano producido e facilitando a xestión e o cobro inmediato da compensación económica correspondente.
Nese sentido, propón ao pleno do Concello instar ao Goberno da Xunta de Galiza a crear unha comisión de control e seguimento dos efectos da fauna salvaxe, na que estean representados os sectores afectados como o gandeiro, propietarios dos terreos, usuarios dos terreos cinexéticos, Administación…, facendo unha avaliación anual dos danos e beneficios relacionados con esta fauna. Igualmente, tamén avoga por promover medidas de ordenación do monte e de cultivos que favorezan a permanencia das explotacións e os cultivos agrarios e forestais e tamén a biodiversidade do medio ambiente no noso rural.
Ponte de lastras sobre o Trimaz
Óscar González e Mar Hermida tamén teñen en conta de cara ao pleno o camiño de lastras cunha ponte que cruza o río Trimaz e une as parroquias de Candamil e Burgás, antigamente moi utilizado e hoxe en desuso debido ao cambio dos costumes no rural, que presenta un deterioro bastante visible.
"Esta ponte, das poucas ou quizás a única das súas caraterísticas que cruzan o Trimaz, presenta unha construción axeitada para evitar as inundacións, algo moi curioso pois xa os accesos á ponte prevén esta posible situación de anegamento. O deterioro vese agravado pola obstrución nos ollos da ponte, cheos de maleza, e pola vexetación que presentan os piares, especialmente o central", Así, dado que o Concello é o máximo responsable de velar pola conservación do noso patrimonio, solicitan que o Concello proceda á súa limpeza para evitar un deterioro maior e que acometa as obras necesarias para a súa completa recuperación e restauración como patrimonio da veciñanza. Igualmente, cren que o Concello debería promocionar e poñer en valor o lugar cunha sinalización axeitada.