O BNG de Xermade pide unha revisión do contrato coa concesionaria do SAF

TerraChaXa
O BNG de Xermade vén de presentar un rogo ao Pleno para que se revisen os termos da contratación da empresa concesionaria do Servzio de Axuda no Fogar aproveitando o proceso de renovación que se realizarán estes días.
18 Xul 2018

O BNG de Xermade vén de presentar un rogo ao Pleno para que se revisen os termos da contratación da empresa concesionaria do Servzio de Axuda no Fogar aproveitando o proceso de renovación que se realizarán estes días.

A empresa adxudicataria do Servizo dende as súas orixes foi Servizos Sociais Virxe do Carme, unha das tres empresas que se presentaron ó concurso de adxudicación. Nos últimos tempos o grupo municipal do BNG de Xermade asegura ter recibidas numerosas queixas relativas aos incumprimentos por parte da empresa do Convenio Colectivo de Axuda a Domicilio de Galicia que regula a situación laboral das asistentas sociais que prestan servizo neste Concello.

"As irregularidades ás que nos referimos prodúcense principalmente na ausencia de pago de quilometraxe e festividade por parte da empresa. Tamén hai irregularidades no pago da antigüidade e no salario base. Estas irregularidades supoñen para unha traballadora contratada a tempo completo unha diferenza de salario mensual de entre 500 e 600 euros", explican.

"Dende o noso grupo consideramos que esta situación non é admisible en ningunha empresa nin sector pero menos nunha empresa que presta servizos para un organismo público como é o Concello de Xermade. Por outra banda, e pese a que sabemos que as traballadoras están a facer un gran esforzo e un traballo excelente, esta diminución no seu salario pode afectar ó desenvolvemento da sua labor e polo tanto á calidade da asistencia que reciben os nosos maiores", enganden.

O BNG opina que o Concello de Xermade "non debía deixar algo tan importante como é o coidado e asistencia ós nosos maiores" en mans dunha empresa privada e afirma que o SAF debía xestionarse directamente dende o Concello, con persoal propio, veciñas e veciños que tivesen no mesmo a súa fonte de ingresos sen ter que desprazarse a concellos veciños.

Segundo os datos dos nacionalistas, o SAF supón ao Concello de Xermade máis de 500 mil euros anuais. Isto é un prezo aproximado de 12 euros a hora de asistencia. Pola contra as asistentas sociais reciben pouco máis de 5 euros por hora. 

0.12517976760864