O BNG de Xove aprecia retrasos no Plan Concilia e critica un erro do goberno local en internet

TerraChaXa | AMariñaXa
Ao Partido Popular semella quedarlle grande tanto a xestión do goberno local coma a das redes sociais, segundo sinala o BNG.
IMG 20190703 WA0002
14 Jul 2019

Ao Partido Popular semella quedarlle grande tanto a xestión do goberno local coma a das redes sociais, segundo sinala o BNG. Estano a demostrar, recalcan, na falta de dilixencia ao tramitar o Plan Concilia, cun retraso que resulta enormemente prexudicial para a conciliación persoal e laboral das familias xovenses, e tamén no referente á falta de seriedade a respecto do recoñecemento das actividades internacionais das asociacións municipais.
Dende a páxina oficial denominada "Concello Xove" no Facebook, o executivo do PP deulle os parabéns á Asociación Cultural Saíñas pola súa participación na 48ª edición do Festival Intercéltico de Lorient. O malo é que a felicitación chega xusto con un ano de retraso, xa que o grupo folclórico participou no Festival de Lorient en representación da nación galega no mes de agosto de 2018. Así o explica o BNG, dende onde engaden que a barbaridade publicada polo Concello foi borrada na mañá de onte para evitar o escarnio público ao que estaban sendo sometidos os populares.
No BNG entenden que o PP comete un erro de libro apoderándose de todo o que ten a ver con Xove. Xosé Hermida, portavoz do Grupo Municipal Nacionalista, insistiu no feito de que «no noso concello fanse moitas cousas nas que non participa o goberno local, ou participa de forma anecdótica». Dende o Bloque recalcaron que incluso existen actividades que se organizan a nivel particular ou por outras administracións, actos que realizan as pequenas e medianas empresas, e tarefas que se coordinan a través das obras sociais de diferentes entidades tanto públicas como privadas.
Hermida quixo salientar que as asociacións e clubes deportivos, e a sociedade xovense en xeral, actúan con independencia, saíndo adiante grazas ao traballo desinteresado da veciñanza e co lóxico apoio das diferentes administracións públicas. «Estas entidades non son propiedade de ningún goberno», afirmou o voceiro nacionalista, «senón que son patrimonio da sociedade en xeral».
Por esta razón, dende o BNG de Xove amosaron o seu orgullo polas actividades dunhas asociacións e clubes que «merecen todo o noso respecto e, no caso dalgunha equivocación cometida polas institucións, as nosas inmediatas desculpas».

0.15514206886292