O BNG defende unha tarifa que permita que a enerxía sexa un dereito social e garanta os empregos en Alcoa
A candidata do BNG ao Congreso, Olalla Rodil, reivindicou en Chantada unha tarifa eléctrica galega que permita rebaixar o custo da enerxía as familias e as empresas, o que permitiría garantir os empregos en Alcoa. A carón do encoro de Belesar, arroupada por militantes e simpatizantes do BNG, Olalla Rodil sinalou que “quixemos vir a este lugar porque é un bo exemplo do expolio enerxético ao que está sometido este país. Desde o BNG comprométemonos a partir do 10 de novembro a defender, como vimos facendo nos últimos anos, o dereito de Galiza, das galegas e dos galegos, a contar cunha tarifa eléctrica propia que compense a todas as persoas deste país polo feito de sermos produtoras, excedentarias, exportadoras de enerxía electrica”.
“As galegas e os galegos teñen que ver compensados os custes medioambientais, ecoloxicos e sociais deste tipo de construcións hidraúlicas e temos que ver como a enerxía se converte nun dereito básico, nun elemento fundamental para o desenvolvemento social e económico do país e non como temos co caso de Alcoa unha ameaza para 2.000 postos de traballo”, continuou a candidata nacionalista.
O programa do BNG para as eleccións do vindeiro 10 de novembro marca como prioridade a reclamación dunha tarifa eléctrica galega que permita que os consumidores domésticos paguen un 30% menos pola enerxía que consomen e as empresas galegas reduzan custos, garantindo os empregos, especialmente na industria electrointensiva..
“As eleccións do 10 de novembro representan unha oportunidade para recuperar a representación galega nas Cortes do Estado e para fortalecermos a voz que defende os intereses do noso pobo. É a hora de que se fale da Galiza, das súas necesidades, dos seus problemas sociais e económicos e das solucións precisas”, concluíu Olalla Rodil.