O BNG defenderá en Europa o saneamento da ría de Viveiro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, debullaron as principais liñas de traballo que desenvolverá o Bloque na Eurocámara na presente lexislatura 2019-2024.
Captura de pantalla 2019 09 05 a las 17.09.14
14 sep 2019

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, debullaron as principais liñas de traballo que desenvolverá o Bloque na Eurocámara na presente lexislatura 2019-2024. Neste sentido subliñaron que o BNG seguirá sendo a voz de Galiza en Europa e defendendo os intereses do pobo galego de forma eficaz. Así mencionou que seguirá loitando para acadar o saneamento integral das rías galegas, tanto O Burgo como Vigo, Ferrol, Viveiro, Betanzos, ou Cee, así como dos ríos e os encoros galegos. “Estaremos vixiantes para que os fondos europeos non se perdan e teñan unha axeitada execución. Non é normal que haxa depuradoras que non funcionan ou que os fondos non se soliciten”, sinalou ao respecto.

“Os feitos nos avalan”, afirmou a portavoz nacional do BNG en referencia a distintos temas, como a defensa do sector pesqueiro e a frota artesanal, acadando que a arte do xeito quede excluída das prohibicións na normativa europea-, ou “sendo a voz de moitas causas xustas como estando sempre ao lado das vítimas do Alvia e traballando para que algún día se saiban as causas do accidente e que os que fixeron as cousas mal o paguen”. 

Ana Pontón destacou que fronte esta defensa dos intereses galegos en Europa “Galiza está ausente no Estado” e criticou que o noso país “está desaparecido”. Ao seu xuízo, “coas mans atadas non se pode defender o país, como lles pasa ás forzas estatais”, xa que nin se puxo en marcha un estatuto para as industrias electrointensivas nin se rematou coa estafa das peaxes na AP9.

Tras agradecer os 174.474 votos acadados nas pasadas eleccións europeas de maio, Ana Miranda salientou que o Alvia será un dos temas que marcarán o seu traballo na Eurocámara. “Esiximos que Bruxelas siga adiante co procedemento de infracción no caso do Alvia”, manifestou, xa que en novembro remata o prazo dado pola Comisión Europea antes de dar traslado o caso ao Tribunal Europeo de Xustiza. O prazo inicial foi ampliado despois de que o Estado pedira un aprazamento para cumprir os requirimentos marcados pola CE tras a apertura do procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria froito da denuncia presentada polo BNG en 2017. “Igual ás vítimas teñen que volver a Bruxelas antes de novembro”, apuntou.

DEFENSORA DO POBO. A portavoz do BNG en Europa avanzou que nas vindeiras semanas manterá un segundo encontro co equipo da Defensora Europea do Pobo sobre a necesidade de que o Estado español realice unha investigación independente, “non como a que fixo o CIAF no 2015, que foi cuestionada pola Axencia Ferroviaria Europea (ARE) no 2016. “Lamentablemente é máis doado manter un encontro cunha Comisaria de Transporte da Comisión Europea ou coa Defensora Europea do Pobo que cun ministro do Estado español como Ábalos”, criticou. Denunciou ademais que mentres non haxa goberno no Estado “o tema do Alvia está parado”, ao tempo que denunciou que a comisión do Alvia que tivo lugar no Congreso “foi un paripé que non serviu de moito e é triste que no parlamento galego sempre se boicoteara unha comisión”

Miranda explicou que o traballo do BNG na Eurocámara desenvolverase a través do seguimento das Comisións de Pesca, Agricultura, Fondos Europeos, Transporte, Peticións e Dereitos e Liberdades, así como na Comisión de Emprego e Asuntos Sociais. “Isto permitiranos presentar emendas e iniciativas con total autonomía a través da coalición”, afirmou. Por outro lado, o BNG tamén seguirá o traballo nas delegacións de Mercosur e Eurolat.

Ademais do Alvia, a portavoz do BNG en Europa avanzou que seguirá dando continuidade a temas do período anterior, “porque o Bloque non parte de cero no Parlamento Europeo na defensa de Galiza”.

A defensa dos sectores produtivos e as súas necesidades será outra das cuestións que, xunto a negociación dos fondos europeos, terán continuidade na nova lexislatura. “Unha vez máis levaremos a Bruxelas as necesidades da pesca e marisqueo, da agricultura, da gandería, da horta, trasladándoas ás comisións respectivas para que Galiza non perda a súa capacidade produtiva”, salientou. No tocante aos fondos indicou que estamos a piques de aprobar o orzamento comunitario para o período 2021-2027, uns fondos de cohesión que van ter un impacto en Galiza. 

“Vemos como unha tendencia a centralización no reparto dos fondos, pero a PAC, os fondos de cohesión, como o FEDER, o fondo tecnolóxico, e o Fondo Social Europeo, poderían ser un instrumento para axudar a combater o problema demográfico e a emigración”, salientou. Ao seu xuízo, dentro destes fondos, é necesario que Galiza estea cos seus portos no Corredor Atlántico con financiamento e por suposto loitar para a conexión Vigo – Porto, “e para iso precísase vontade do Estado”, apuntou. 

BREXIT. Ana Miranda afirmou que haberá outros temas, como o impacto do Brexit ou a urxencia climática, que marcarán o traballo do Bloque na Eurocámara “debido a que teñen un forte impacto na actualidade”. No tocante ao Brexit, lembrou que o BNG, dende o primeiro momento, presentou diversas iniciativas dirixidas á Comisión Europea sobre as súas consecuencias para Galiza e para a cidadanía galega residente no Reino Unido. “Pero se hai Brexit duro tócanos estar máis vixiantes tanto no que se refire á libre circulación das 40.000 galegos e galegas desprazados ao Reino Unido, como nos sectores produtivos, en particular o sector pesqueiro e o téxtil. É unha vergoña que se pretenda crear un grupo de crise a dous meses vista”, dixo ao respecto.

No tocante á loita contra o cambio climático, a portavoz do BNG en Europa mencionou a preocupación do Bloque polas novas instalacións eólicas en Rede Natura, dende O Iribio a Mazaricos. “Apoiamos todas as mobilizacións e levaremos estes problemas ao Parlamento Europeo”, asegurou. “Hai novas oportunidade de fondos europeos para loitar contra o cambio climático, mais non vemos ao Goberno de Feijoo con actitude de pedilos”, criticou. 

A defensa dos valores democráticos e a loita pola igualdade e contra a violencia de xénero, o racismo e a xenofobia “seguirán marcando o traballo de BNG no Parlamento Europeo de forma transversal”, concluíu, lembrando que o vindeiro mes cumprirase un ano da aprobación na Eurocámara da Resolución contra o avance do neofascismo en Europa, resolución da que foi co-relatora.

0.17807388305664