O BNG demanda nas Pontes información sobre o nó de acceso
As preguntas que o BNG no Congreso vén rexistrando dende vai anos sobre do nó de acceso da Central teñen resposta parcial, sobre de todo as referidas a quen podería ter os 1.400MW liberados da térmica ocupados para outros proxectos; na súa contestación, o goberno do Estado remite a REE para obter dita información.
Diante de dita negativa, o BNG tense dirixido á empresa pública, quen adiou unha reunión prevista para maio de 2023 até despois das eleccións municipais, sen explicación e data alternativa. O BNG ten solicitado información sobre das empresas que son concesionarias de capacidade no nó de transición xusta da Central, sinalando data, cantidade, e nome dos parques ou centrais de xeración de electricidade relacionados, información da que, de xeito incomprensíbel e inxustificado, aínda non se ten resposta.
O mesmo comportamento está a ter a Xunta sobre da solicitude do Grupo Municipal do BNG de consulta de expedientes dos parques eólicos con dereito de acceso e conexión concedido no mesmo nó das Pontes que están fóra da Área de Desenvolvemento Eólico na que se poderían instalar, a causa do informe favorábel da Xunta, e, de ser ocaso, as características (industria asinante, prezo, electricidade e tempo, cando menos) das PPAs que o motivaron, xunto coas medidas contempladas polo goberno galego no caso de que o proxecto industrial non se desenvolva.
A información que está a demandar o BNG dos gobernos estatal e autonómico é fulcral por moitos motivos, sobre de todo para clarificar e evidenciar os procedementos desenvoltos polos dous gobernos para blindar e garantir os 1.400MW liberados pola Central dende que se declarou o seu nó como de Transición Xusta en xuño de 2020, e tamén os comportamentos das eléctricas promotoras dos parques e propietarias das redes de distribución con influencia no meritado nó.
Mais tamén é importante para analizar e desenvolver a opción de trasladar os puntos de evacuación dos parques que os teñan concedidos na Central para a nova infraestrutura planificada por REE en Maciñeira para 2026, sobre de todo tendo en conta a nova data de xuño de 2028 que vén de fixar o Miteco para a entrada en funcionamento dos mesmos.
Para o BNG, dita decisión posibilitaría axilizar os proxectos industriais anunciados, que teñen problemas de evacuación e/ou de subministración eléctrica, e que deberían iniciarse xa para cumprir cos seus calendarios e dar continuidade no emprego para permitir unha verdadeira transición xusta.