O BNG demanda que as capturas accidentais na pesca da xarda non computen como cota asinada
O BNG defendeu no Parlamento a través dunha proposición non de lei que as capturas accidentais na pesquería da xarda non computen na xa exigua e inxusta cota de pesca que ten asinada a frota artesanal galega, unha medida que daría un respiro ás dificultades deste sector.
A iniciativa defendida pola portavoz de Pesca, Montse Prado, non prosperou polo veto do PP, ao que a deputada nacionalista recriminou a “deserción” do Goberno de Feixóo na defensa da frota artesanal “máis interesado en defender os intereses dalgúns lobbies”.
“Á insuficiencia da cota de xarda súmase que tamén deixa unha cota moi reducida para a pesca accidental xerando unha situación de gravidade que se multiplicou coa aprobación da normativa de descarte cero, o que obriga ás embarcacións a levar a terra esta pesca non desexada, compútalle unha cota para un recurso que non ten o que os expón a sancións e a un posible amarre da embarcación”, salientou Prado no debate da iniciativa do Bloque na Comisión de Pesca.
Galiza ten un 90% da frota pero apenas chega ao 20% da cota, “nun reparto inxusto consentido pola Xunta e que afecta especialmente a flota artesanal, pese a que é sustentable e reparte riqueza nas vilas do litoral na que ten presenza”, argumenta a deputada.
Un problema que non se soluciona cambiando cota dunha especie por outra, “porque cando se reparte miseria o resultado é miseria, e dunha cota ridícula os posibles intercambios serían escasos”, alegou.
O Bloque considera xusta a demanda da frota tanto en relación á pesca accidenta como as cotas, “sobre todo tendo en conta que a conselleira de Pesca está trasladando que a situación dos recursos está en máximos de rendemento, polo que estamos ante unha decisión política de plantarse ante un sistema de reparto que penaliza á frota galega”, explica Prado.
De feito, na última década Galiza perdeu case 1.000 embarcacións de pesca artesanal e hoxe hai 6.000 persoas menos no réxime especial da seguridade social do mar, “son as consecuencias para o sector”, denunciou. Este país ten o maior número de embarcacións de artes menores, 3.920, pero non ten unha cota de pesca en relación a este peso, apenas un 20% do total. “Hai que cambiar este modelo inxusto e discriminatorio”, concluíu.