O BNG denuncia a ausencia do Centro de Día da Pastoriza nos Orzamentos da Xunta para 2026

O BNG acusou hoxe á Xunta de utilizar o anunciado Centro de Día da Pastoriza como “pura propaganda electoral”, logo de comprobar que o proxecto non figura nos Orzamentos autonómicos para 2026. Segundo informou a formación nacionalista, as contas da Xunta só inclúen unha partida de 18.000 euros destinada a un estudo previo, mais non recollen investimento ningún para o inicio das obras.
Desde o BNG consideran que esta ausencia evidencia “a falta de vontade real” por parte do Goberno galego para executar o equipamento, ao que cualifican dun anuncio “totalmente baleiro”. “Para a foto hai recursos; para a obra real, ningún”, sosteñen.
Co obxectivo de garantir que o proxecto poida comezar ao longo de 2026, o grupo parlamentario nacionalista presentou unha emenda aos Orzamentos por valor de 1 millón de euros. O Bloque reclama así que a Xunta asuma un compromiso efectivo coa construción do Centro de Día e deixe de lado a “propaganda en época electoral”.