O BNG denuncia a existencia dun desmantelamento do PAC de Meira por parte da Xunta

O BNG vén de recibir a comunicación do persoal sanitario do PAC de Meira alertando dunha decisión extremadamente grave da Consellaría de Sanidade: reducir a un único equipo médico a atención urxente dun centro que presta servizo a seis concellos –Meira, Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto, Pastoriza e Pontenova –, nun territorio extenso, disperso e cunha poboación maioritariamente envellecida.
Segundo puido coñecer o BNG, a Xunta de Galiza está deixando o PAC sen reforzo nas fins de semana e festivos, obrigando a que unha soa equipa teña que asumir máis de 60 pacientes no propio centro nun día, ademais de múltiples saídas a domicilio, algunhas delas de até dúas horas de duración. “Non estamos ante un feito puntual, senón diante dunha dinámica reiterada que evidencia unha decisión política: deixar o PAC de Meira con unha soa equipa”, alerta a deputada nacionalista Olalla Rodil.
Rodil considera inxustificábel e temerario que o goberno do Partido Popular pretenda manter esta situación de forma permanente, xerando unha asistencia sanitaria claramente insuficiente, que pon en risco tanto o persoal como a veciñanza dos cinco concellos afectados. “É imposíbel garantir unha atención digna nestas condicións. Isto non é unha reorganización: é un recorte encuberto que golpea, unha vez máis, ao rural”, critica a deputada
Por este motivo, a deputada Olalla Rodil rexistrou iniciativas para que o Parlamento galego esixa explicacións inmediatas ao goberno autonómico para manter con carácter permanente dúas equipas médicas completas no PAC de Meira, garantindo unha atención de urxencias segura, eficaz e á altura das necesidades reais da poboación destes cinco concellos do interior de Lugo.
“O rural non pode seguir sendo castigado co desmantelamento silencioso da sanidade pública. O PAC de Meira non pode ficar reducido a mínimos”, conclúe Rodil.