O BNG denuncia "falta de interese" do Mitma por arranxar os accesos á N-640 en Riotorto
O BNG denunciou a "pasividade do Goberno central ante o perigo" nos accesos da N-640 no concello de Riotorto. Concretamente refírese a accesos a esta estrada nacional desde a LU-P-5503 e a LU-P-550, dos que os veciños de Santa Comba de Órrea, deron a coñecer á Xefatura da Unidade de Estradas do Estado o "mal estado" no que se atopaban xa no ano 2013.
A formación nacionalista realiza estas afirmacións tras recoñecer, nunha resposta por escrito a preguntas feitas polo BNG, que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) "non se encargará das obras".
Así, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que o Goberno do Estado "está a eludir as súas responsabilidades #ante as queixas e denuncias reiteradas por parte dos veciños".
Rego reclama por tanto ao Estado iniciar as actuacións necesarias para garantir o tránsito seguro das persoas nestes accesos e rexistrou preguntas no Congreso para que o Goberno explique as actuacións previstas para mellorar a seguridade nos accesos á nacional.
O BNG, "ante a falta de información e a opacidade do executivo", recolleu a demanda dos veciños e trasladouna ao Ministerio para coñecer as previsións de actuación nese acceso e reclamar a mellora para garantir o tránsito seguro das persoas que circulan nese tramo.
"A nosa sorpresa é que o Ministerio responde abertamente afirmando que non se encargará das obras para mellorar os accesos. Isto constitúe unha clara elusión das súas responsabilidades", denunciou Rego.
Finalmente, incidiu en que o Goberno central "debe de levar a cabo un estudo para coñecer as malas condicións dos accesos e redactar un proxecto para a adecuación e mellora da seguridade neles".