O BNG denuncia "situacións caóticas" no inicio do curso en centros da provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
Fixo referencia a varios centros de Lugo capital, así como os de Meira, O Páramo e Portomarín
olalla-ceip-paramo
10 Sep 2025

O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa deputada no Parlamento Galego, Olalla Rodil, denuncia a situación na que comeza o curso académico en numerosos centros educativos da cidade e da provincia de Lugo, que arrincan entre obras sen rematar, falta de dotacións e decisións da Xunta que van en contra de calquera criterio pedagóxico e que supoñen unha grave discriminación para as crianzas do noso país.

En Lugo capital, centros como As Mercedes ou o Lucus Augusti inician as clases en medio de obras inacabadas, co alumnado convivindo con ruídos, po e espazos improvisados. “É intolerábel que a Xunta non fose quen de planificar con tempo unhas obras necesarias, e que agora sexan os nenos e nenas os que teñan que sufrir as consecuencias”, denuncian dende o BNG.

A situación tamén é preocupante noutros concellos da provincia. No CEIP Avelino Díaz de Meira, o inicio do curso chega marcado pola carencia de recursos materiais e humanos, que se repite en numerosos centros do rural lucense. Pero os casos máis graves prodúcense nos colexios do Páramo e de Portomarín, onde a Xunta decidiu este curso agrupar alumnado de distintos ciclos, idades e niveis formativos en apenas dúas aulas, unha medida que o profesorado, as familias e a comunidade educativa consideran absolutamente inxustificábel.

A deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, subliñou que “o Goberno galego está a condenar ás crianzas do rural a unha educación de segunda. Non hai ningún criterio pedagóxico que avale mesturar nunha mesma aula a alumnado de ciclos formativos diferentes, con idades e necesidades educativas distintas. Esta decisión só responde á lóxica dos recortes e á falta de compromiso coa educación pública e co rural”.

Rodil tamén fixo referencia á situación de moitos centros da cidade de Lugo: “É un auténtico despropósito que se inicie un curso escolar con obras a medio facer, sen planificación, sen alternativas organizativas e sen garantir condicións de seguridade e de calidade para o alumnado e o profesorado. A Xunta improvisa e deixa nas familias e nos centros a responsabilidade de soportar unhas deficiencias que son froito da súa mala xestión”.

Dende o BNG reclámase que a Xunta dote os centros educativos dos recursos humanos e materiais necesarios para garantir a igualdade de oportunidades e unha educación pública de calidade en todo o país. “A Xunta leva anos esquecendo o rural, recortando servizos e pechando unidades, cando o que se precisa é xusto o contrario: máis investimento, máis profesorado, máis atención á diversidade e máis recursos que permitan ás crianzas medrar en igualdade de condicións, vivan onde vivan”, engadiu Rodil.

A deputada nacionalista lembrou que a educación é un dereito básico que non pode depender do código postal: “Non pode ser que no 2025 as familias da provincia de Lugo teñan que escoller entre quedar no seu concello e aceptar unha educación precaria para as súas fillas e fillos, ou marchar para ter acceso a unha escola digna. A Xunta ten a obriga de garantir igualdade real de oportunidades”.

Finalmente, Rodil instou á Consellería de Educación a rectificar de inmediato estas decisións, a acelerar as obras pendentes nos centros, e a abrir un diálogo serio coa comunidade educativa. “A educación pública galega precisa planificación, investimento e respecto, non improvisacións que prexudican ás crianzas, ás familias e ao profesorado. O BNG vai seguir esixindo que se respecten os dereitos da nosa mocidade e que se acabe co maltrato á escola pública”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16965889930725