O BNG denuncia unha alianza PP-PSOE para "bloquear Muras"
Manuel Requeijo acusa á oposición de irresponsabilidade e falta de madurez "para non caer en condutas irresponsables e incoherentes".
Os votos de PP e PSOE no último Pleno de Muras impediron por terceira vez aprobar a retribución do alcalde cunha dedicación parcial.
Após o Pleno, desde o BNG sinalan que "unha vez mais voltamos a comprobar como, o Partido Popular e a portavoz socialista manteñen unha alianza para tratar de bloquear o concello de Muras. Ambos partidos da oposición están empeñados en facer pinza contra o goberno local, aínda que sexa a costa de privar aos veciños e veciñas do normal funcionamento do concello e de que sexan atendidos no día a día. Para xustificar o voto en contra das dúas dedicacións parciais, o PP e o PSOE dixeron que estaría dispostos a votar só a do alcalde, e cando tiveron oportunidade de cumprir no mesmo pleno a súa palabra, volveron votar en contra dela" explican desde o BNG.
"Esta incoherencia, é froito da desesperación e da inmaturidade política da oposición, que xa non sabe que facer para bloquear e desgastar ao alcalde, porque váleslle todo, con tal de impedir que Muras siga progresando e mellorando nos servizos e na atención pública co BNG no goberno. Mais, polo benestar da veciñanza de Muras, non llelo imos permitir" afirman desde o BNG.
"Dende o Bloque Nacionalista Galego consideramos unha auténtica irresponsabilidade a conducta da oposición, sobre todo a da edil do PSOE, Jennifer Gómez, que facilitou a investidura do alcalde do BNG para despois obstaculizar por todos os medios o goberno, unha actuación que só prexudica aos veciños e veciñas. Dende o BNG apuntan que “non se pode estar mentindo e mentindo, unha vez tras outra, nin á veciñanza nin á militancia do PSOE. Ofrecémoslle en máis de cinco ocasións entrar no goberno, elixindo a área que quixera, para conformar un goberno transformador para que Muras siga avanzando, e aínda descoñecemos as razóns da negativa", explicaron.
"Desde o BNG houbo sempre disposición ao diálogo, e man tendida para chegar a acordos, entre eles os das retribucións. A política non pode servir para solucionar as frustracións persoais derivadas dun mal resultado, o peor en toda a historia do PSOE en Muras. A política está para solucionar os problemas das veciñas e veciños. Se saben estar á altura das circunstancias, é mellor que dimitan e non fagan pagar os pratos rotos ao pobo de Muras, como están a facer”, sinalan desde o BNG.
Manuel Requeijo considera que “á vista de todos queda patente a alianza entre o PP e o PSOE de Muras, que como non conseguiron derrocar ao BNG nas urnas, pretenden facelo agora deste xeito. Do PP podía esperalo, pero do PSOE, que ata fai tres días compartía goberno, propostas e inquedanzas con nós, non”.
O alcalde cre que “ao PSOE de Muras fáltalle criterio político, non se pode dicir unha cousa hoxe, e mañá outra, e menos faltando á verdade. A política non é un xogo de mesa, o que está en xogo son os dereitos das veciñas e veciños, que só esperan que o concello funcione correctamente, goberne quen goberne”. Apuntou tamén que “non é críbel que este alcalde, despois de oito anos de moi boa relación co PSOE, da noite ao día, cambie de opinión, e menos cando somos os maiores interesados en seguir traballando para mellorar o futuro de Muras. Hai intereses oscuros, axenos á política que hai que explicar. Igual algunha resposta hai que buscala no concello veciño, nalgún capo ou capón de Vilalba, capaz tanto de eliminar ao anterior portavoz en Muras como de traicionar e deixar caer á súa alcaldesa, como na conxura contra Julio César”.
Respecto da posición do PP, o alcalde engadiu que “son tan pobres os argumentos políticos, que non atopo resposta adecuada. Despois de catro anos, parece que non aprenderon nada. Utilizan a máxima de Mariano, -canto peor, mellor-, sen percatarse que a verdadeira prexudicada é a veciñanza. Ademais son incoherentes, predican que o máis votado debe gobernar, pero esquéceno cando non gobernan eles" sinala o alcalde.
"Explíquenlles ás veciñas e veciños que teñen previsto facer nesta alianza PP-PSOE, que pon por diante os intereses partidistas antes que os intereses da veciñanza de Muras" conclúen desde o BNG.