O BNG di que o alcalde "liquida o comité de crise das Pontes"
O goberno municipal, votou en contra da solicitude do BNG para convocar o órgano de participación e decisión, constituído no 2019 por consenso unánime da representación política, sindical e empresarial local.
Así o explicou o BNG, que afirma que se trata "dunha decisión silenciada, pero tivo que ser necesario un Pleno, convocado a instancia do BNG e por obriga legal, para que o PSOE fixera pública a súa decisión de vai case que dous anos: non lle interesa o Comité de Crise. Por iso, non só negou a posibilidade solicitada de convocalo, senón que foi moito máis aló ao afirmar que é un órgano non necesario, o que, para o BNG, evidencia o conformismo e o acatamento das directrices políticas partidistas por parte do alcalde, dándolle as costas ao sentimento de preocupación maioritario nas Pontes, como demostrou a multitudinaria e diversa
participación na manifestación do pasado 23 de novembro, que tampouco tivo o apoio do PSOE".
Explican que mentres que a decisión da creación e posta en marcha do Comité de Crise a mediados de 2019 fíxose por consenso e unanimidade de todas as organizacións políticas, sindicais e empresarias das Pontes, co obxectivo de dar resposta conxunta á problemática e preocupante situación derivada do peche da Central Térmica, "a súa liquidación faise por unha decisión partidista e
unilateral, sen análise e debate previo algún".
"O argumentario utilizado polo PSOE e tan pobre como inexplicábel e irresponsábel, ademais de pretender ningunear o compromiso e o esforzo da totalidade da sociedade pontesa, manifestada en participacións históricas en todos e cada un dos actos acordados polo Comité de Crise, que resultaron no coñecemento e socialización da problemática das Pontes, e na constitución de organismos de traballo conxuntos entre as administracións públicas estatal, autonómica e municipal, organizacións sindicais e empresariais locais, e Endesa, que, de xeito paradoxal, constitúen hoxe a escusa do PSOE, xa que entende que temos organismos dabondo", engaden.
Pola contra, para o BNG o obxectivo inicial do Comité de Crise dista moito de terse cumprido, "máis ben todo o contrario: peches de empresas, EREs durmidos, ERTEs, incumprimentos que deixan atrás aos traballadores e traballadoras con demoras, no mellor dos casos, na súa comprometida incorporación aos traballos do pre-desmantelamento da Central, ausencia de alternativas concretas simultáneas ou a curto prazo, de continuidade e con garantías, con implicacións negativas presentes xa na actividade económica local".
"A actuación do PSOE como unha brigada de demolición, coa súa decisión unilateral non consensuada de disolver o Comité de Crise dinamita a acción conxunta, polo que ten repercusións negativas para As Pontes. Os beneficios de dita decisión só poden ser para a de sempre: Endesa. Mais, a quen se deben o Alcalde e o PSOE?, conclúen.