O BNG di que o padrón das Pontes baixa dos 10.00 habitantes

TerraChaXa
A 1 de xaneiro deste ano 2021, o padrón contabilizaba 9.908 habitantes, baixando por primeira vez dende 1980 dos 10.000, di o BNG das Pontes.
rua pardo bazan as pontes
25 Mar 2021

A 1 de xaneiro deste ano 2021, o padrón municipal contabilizaba 9.908 habitantes, baixando por primeira vez dende 1980, dos 10.000, tal e como asegura o BNG das Pontes.

"Ademais do que este dato significa en perda poboacional, a baixada dos 10.000 habitantes supón que o Concello das Pontes, progresivamente, vai perdendo os ingresos públicos provenientes do Estado ligados ao número de habitantes e, tamén, unha perda de concelleiros/as que, nas seguintes eleccións municipais, pasarán dos actuais 17 a 13", din.

Engaden que a "este negativo dato" hai que engadir a baixada constante en afiliación á Seguridade Social, en calquera dos seus réximes: no ano 2020 a perda foi de 424 persoas.

"Só son dous datos, poboación e afiliación á Seguridade Social, que nos trasladan a realidade do noso pobo, poderíamos engadir outros como o baixo valor patrimonial dos pisos ou casas, ou mesmo o número deles postos á venda, referencia visíbel con só dar un paseo polo pobo. E o dato de perda de poboación oculta outro dato tamén moi importante, o progresivo envellecemento do noso pobo, motivo que fai aínda máis urxente a construción dunha Residencia Pública, obxectivo político que o goberno local nunca acomete en serio", afirman.

Os nacionalistas din que a perda de afiliación á Seguridade Social só se pode reverter co asentamento de novas empresas e, para iso, é imprescindíbel a creación de solo industrial e, neste campo, o goberno municipal non ten feito nada de nada nos 14 anos de maiorías absolutas.

"Está claro que as políticas desenvoltas dende o ámbito local teñen que mudar substancialmente, non podemos seguir, como se nada pasara, acomodados na compracencia ao que nos ten acostumados o Alcalde nos seus discursos. E de cambiar na dirección precisa poderán contar coa implicación responsábel do BNG. É o momento de aproveitar as oportunidades e non deixalas pasar", conclúen.

0.068660020828247