O BNG e Guitiriz ofrece á veciñanza as alegacións ao parque eólico de Satrebares

O Bloque Nacionalista Galego de Guitiriz, a través dos seus concelleiros, Mónica Roca e Afonso Losada, pon a disposición da veciñanza as alegacións ao parque eólico de Satrebares.
“Co fin de seguir a informar á veciñanza sobre este proxecto este sábado concelleiros do BNG desprazámonos ata Os Vilares para poñer a súa disposición as alegacións á construción” explica Mónica Roca, concelleira do BNG en Guitiriz, alegacións abertas para que a cidadanía e as entidades se sumen a elas e as rexistren ante a área de Industria e enerxía da Delegación do Goberno en Galicia.
Explican que o parque eólico de Satrebares está encaixado nun complexo nó de parques eólicos montados dende hai moitos anos, que a falta dunha lexislación máis severa naquelas datas degradaron enormemente as zonas nas que se instalaron. “Non se respectaron distancias ó patrimonio arqueolóxico nin se tivo en consideración en ningún momento o patrimonio etnográfico inmaterial da zona” engade a concelleira nacionalista.
Para a cidadanía non é aceptable o argumento de que cada administración pública, neste caso o Ministerio de Transacción Ecolóxica e do Reto Demográfico do Goberno de España e por outro lado a Xunta de Galicia é responsábel da tramitación dos proxectos que lle corresponden en función do reparto das competencias, xa que é unha obriga delas velar por un desenvolvemento ordenado e sostible do territorio. Nin a cidadanía nin o territorio deben sufrir as consecuencias dunha falta de coordinación entre as administracións pública e dunha falta de visión de conxunto sobre o territorio por parte delas.
O proxecto do parque eólico Satrebares ocasiona un prexuízo grave para terras de produción vinculadas á PAC e de gran capacidade agrícola e produtividade. Fragmentación das explotacións agrogandeiras e perda severa de base territorial. Impactos non avaliados no proxecto pola promotora.
A falta de valoración do patrimonio etnográfico e inmaterial presente na poligonal, “nesta zona temos cantidade de mámoas, medorras, petróglifos e castros que non se están tendo en conta” comenta Mónica, así como tampouco se ten en conta a afectación a flora (musgo) e fauna (morcegos, anfibios, réptiles, invertebrados) existente na zona
A afectación á rede hidrográfica con numerosas fontes destas parroquias e outras que se van ver afectadas. A rede de augas subterráneas que dan lugar as fontes veríase afectada pola instalación das zapatas precisas para poñer os muíños
Atopámonos con varios aeroxeradores que non cumpren a distancia entre eles e os núcleos de poboación
Dende o BNG poñemos a disposición da veciñanza estas alegacións nos seguintes puntos Ferretería Arturo (Os Vilares) Casa Guinea (As Reixas, Os Vilares) A Badorna (Parga) Café Pub SOA Bocatería, así como a través das súas redes sociais
“Dende o BNG non estamos en contra da enerxía eólica pero si estamos en contra da espoliación á que estas grandes empresas teñen sometido a este país", conclúe Roca.