O BNG en Castro de Rei solicita a reposición urxente de médicos do centro de saúde

TerraChaXa | LugoXa
O BNG en Castro de Rei solicita a reposición urxente do persoal facultativo do centro de saúde en Castro Ribeiras de Lea
centro saude castro de rei
24 Mar 2022

O Bloque Nacionalista Galego en Castro de Rei solicita á Xunta de Galiza a reposición urxente do persoal facultativo no centro de saúde en Castro Ribeiras de Lea.

Segundo declarou a concelleira do BNG, Digna Lagarón, desde este martes, o centro saúde non conta con persoal facultativo suficiente para o funcionamento normal do servizo sanitario “temos constancia que esta semana houbo baixas no centro de saúde e moitas pacientes tiveron que volver á casa porque non houbo ningún médico ou médica que lles atendese”

Digna Lagarón destacou que este feito é comprobable “neste momento, se accedemos calquera veciña ou veciña á listaxe de ocos para pedir cita na app do SERGAS, non temos citas até primeiros do mes de abril; isto é inadmisíbel”

Por todo isto, a concelleira do BNG fixo fincapé nos problemas sanitarios que leva padecendo esta localidade da Terra Chá “o centro médico de Castro de Rei continua pechado e o centro de saúde de Castro Ribeiras de Lea baixo mínimos; esta é a política de servizos para o rural do Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza como tamén da nosa Alcaldía”

Digna Lagarón declarou que o BNG en Castro de Rei vai continuar denunciando a situación sanitaria pola que pasa o concello “é unha obriga continuar sinalando este atropelo, por isto o BNG vai continuar organizando accións para que a Xunta de Galiza reactive o centro médico de Castro de Rei e contemos con todos os servizos no centro médico en Castro Ribeiras de Lea”

0.18675017356873