O BNG instalou, un ano máis, un paso de peóns provisional na N-VI en Outeiro de Rei
O BNG de Outeiro de Rei volveu a realizar un acto reivindicativo para reclamar o acondicionamento de pasos seguros para persoas na N-VI. Os nacionalistas instalaron un paso de peóns temporal e simbólico para demandar o que cualificaron como “unha necesidade para todas as persoas que, a diario, teñen que xogarse a vida para cruzar a N-VI para ir dun lado ao outro da vila”. Durante aproximadamente un cuarto de hora a estrada N-VI contou cun paso de peóns, cuestión que o BNG leva anos demandando dende hai anos a todas as administracións.
Dende o BNG explicouse que “tal e como está sinalizada a estrada incluso poderían ser sancionadas as persoas que a crucen a pé”. Dende o BNG tamén dixeron que “debe ser o ministerio quen diga cal é o sistema máis axeitado para garantir a seguridade das persoas pero algo hai que facer”.
O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, explicou que son moitas as persoas que teñen que cruzar esta estrada por que “nas dúas partes da vila hai vivendas, dun lado está o concello, as entidades bancarias, a Casa de Manuel María ou a igrexa e do outro está o centro de saúde, a farmacia, a residencia da terceira idade, o PAC, etc…”.
O BNG pretendeu, con este acto, chamar a atención de veciños e visitantes nun dos días que se celebra a festividade de Sta. Isabel e a feira de artesanía de Outeiro de Rei.
Un ano máis
O voceiro nacionalista lembrou que “esta cita anual estase convertendo nunha tradición” dado que xa se levan facendo accións similares dende hai anos. “Aínda que temos a idea de manter esta cita anual ata consigamos o noso obxectivo, sempre esperamos cando a facemos que a dese ano sexa a última. A ver se este ano é cero...” afirmou Xosé Ferreiro que agradeceu a participación e implicación de todas as persoas que acudiron á convocatoria do BNG para participar neste acto reivindicativo.